A UE reubicou 272 persoas refuxiadas das 160 mil que tiña como obxectivo

Trátase apenas do 0,017% . Porén, Suecia, Dinamarca e Alemaña piden maior control fronteirizo para impedir o acceso aos seus territorios das persoas que chegan a Italia e Grecia. 

ACNUR
photo_camera [Imaxe ACNUR]

Con data do 5 de xaneiro de 2016 a Comisión europea situou en 272 persoas a cifra de refuxiadas que foron reubicadas nalgún dos seus Estados membros após térenlles concedido o dereito de asilo.

Isto supón o 0,017% das 160 mil persoas que os 28 acordaron –e asinaron-- realoxar logo de intensos debates internos. Faríano con aquelas persoas que se atopan actualmente en Italia ou Grecia procedentes na súa maioría de Siria, Afganistán e Iraq.

Así as cousas, só as costas gregas recibiron por volta de 350 mil persoas en 2015. Unha cifra que, para o conxunto da UE,  ascende a 1,2 millóns –segundo Frontex—nos primeiros 10 meses do ano que rematou.

 Malia que a UE, perante estas cifras, cumpriu únicamente cunha ínfima parte do asinado no mes de setembro, algúns dos territorios que están a recibir maiores solicitudes de asilo e acollida –Suecia, Dinamarca e Alemaña—comezaron a adoptar medidas para frear a chegada de persoas refuxiadas e lanzaron unha mensaxe conxunta aos demais estados comunitarios reclamando controles fronteirizos cos que limitar o acceso.

Só as costas gregas recibiron 350 mil persoas en 2015. Unha cifra que, para o conxunto da UE,  ascende a 1,2 millóns

Neste senso, representantes dos tres gobernos mantiveron unha xuntanza co comisario europeo de Migracións, Dimitris Avramopoulos,  esta cuarta feira (6 de xaneiro) e, posteriormente, compareceron perante os medios de comunicación para xustificaren controis temporais cos que combater o fluxo de persoas, embora defenderen, dixeron, o espazo de libre circulación de persoas que constitúe Schengen.

Suecia: controis na fronteira e de identidade

O país escandinavo desenvolve desde novembro controis fronteirizos e tamén de identidade, desde hai unha semana, a todas as persoas que viaxan en  autobuses procedentes de Dinamarca. Medidas que, sinalou o seu ministro de xustiza e inmigración, Morgan Johansson, son “necesarios para controlar a situación”.

O pasado ano Suecia recibiu 163.000 solicitudes de asilo, o maior número per cápita da UE, polo que avanzou que o país non desexa que esa realidade se repita en 2016.

Johansson defendeu que eses controis “non se poden manter moito tempo máis” e urxiu os Estados membros da UE a “traballar xuntos” nunha solución comunitaria co obxectivo de aplicar a normativa en materia de refuxio e, ao tempo, “protexer” as fronteiras exteriores.

Suecia desenvolve controis de identidade ás persoas que viaxan en autobús desde Dinamarca

Porén, a ministra danesa de Inmigración e Integración, Inger Støjberg, avanzou que do 4 ao 14 de xaneiro o seu país restituiría os controis na súa fronteira con Alemaña e non descartou implementar medidas como as suecas nun futuro. “Non queremos ser o destino final de milleiros e milleiros de solicitantes de asilo”, asegurou.

Ao igual que Dinamarca, Alemaña tamén chama a adoptar medidas conxuntas no seo da UE que freen a entrada de persoas refuxiadas, nomedamente através de Grecia e Turquía. “Mentres non consigamos unha solución europea serán precisas as medidas por parte dos Estados”, sinalou o seu ministro de Interior, Olen Schroeder.

Berlín atópase, aliás, cun debate social reaberto arredor das persoas refuxiadas após a violación de máis dun cento de mulleres en Colonia durante a noite de Fin de Ano. O feito de que se tratase, segundo a versión policial, de homes “con apariencia de países árabes” os que terían acometido as agresións sexuais,   levou a propia alcaldesa de Colonia a facer fincapé en que “non hai ningún indicio que apunte a que se trate de persoas que foron acollidas como refuxiadas”. 

Até o momento non hai ningún detido e a policía só tomou declaración a tres sospeitosos. 

Comentarios