A UE restrinxe os visados para a cidadanía de Rusia

A OIEA chega hoxe á central nuclear de Zaporiyia, un día despois de que a UE trate de limitar a entrada de cidadáns rusos nos Estados membros.
Soldado do Exército de Ucraína nunha escola en Rudnyts'ke. (Foto: Andrea Filigheddu / Zuma Press / Contactophoto)
photo_camera Soldado do Exército de Ucraína nunha escola en Rudnyts'ke. (Foto: Andrea Filigheddu / Zuma Press / Contactophoto)

Os ministros de Exteriores da Unión Europea acordaron onte suspender o réxime simplificado de visados con Rusia, o que implica que para a cidadanía dese país será “máis difícil e levaralles máis tempo” conseguir os permisos para entrar no bloque comunitario, incidiu esta cuarta feira o Alto representante para a Política Exterior, Josep Borrell, ao comunicar a decisión.

“Será posíbel conseguir visados, pero en menor número”, sinalou, definindo como “unha cuestión de seguridade” para os países bálticos e Finlandia a chegada de turistas rusos durante este verán “como se non houbera guerra en Ucraína”.

Ao tempo, subliñou que os Estados membros poden adoptar un amplo abanico de medidas sobre visados e controis fronteirizos, como é o caso de Estonia, que implementou controis para evitar a chegada de rusos.

Neste sentido, a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, fixera fincapé ao comezar a debaterse a proposta que as competencias dos Estados permitíanlles actuar tamén en contra dos visados de longa duración a cidadáns rusos.

No que atinxe aos permisos xa concedidos, a Comisión recibiu o encargo de estudar a situación e ofrecer recomendacións de como adaptar estas restricións.
Esta medida encarece os visados á UE, e obrigará a cidadanía a presentar documentos adicionais para obter o visado, que o bloque outorgará a “grupos específicos”, explicou Borrell mentres aseveraba que non queren separarse da poboación rusa que non apoia a guerra en Ucraína.

A resposta de Moscova chegou da man de Maria Zajarova, voceira do Ministerio de Asuntos Exteriores, que criticou que a UE se ocupe desta cuestión e non “axude a deter as autoridades ucraínas no seu intento de provocar unha catástrofe nuclear” coas armas que o bloque comunitario lles está a enviar, agardando que a visita do equipo do Organismo Internacional de Enerxía Atómica (OIEA) á central nuclear de Zaporiyia permita garantir a seguridade nuclear.

A misión da entidade, liderada polo director xeral, Rafael Grossi, chega hoxe á planta nuclear, a máis grande do seu tipo en Europa, onde prevén deixar representantes permanentes unha vez que remate a inspección. Entrementres, as autoridades de Energodar denunciaron máis de 60 bombardeos á central nas últimas 24 horas por parte do Exército ucraíno.

Comentarios