A UE respalda unha “resposta contundente” contra Siria

Os ministros de Asuntos Exteriores da UE apoian unha “resposta clara e contundente” contra o goberno de Bashar Al-Assad. Fixeron pública unha "posición acordada" na que evitan dicir se apoiarían un ataque militar a Siria sen informes da ONU.

C. Ashton
photo_camera C. Ashton

Acusan ao goberno de Bashar Al-Assad de promover o ataque con armas químicas do 21 de agosto nas aforas de Damasco e, con ese argumento, os ministros de Asuntos Exteriores da UE veñen de consensuar unha postura conxunta que se concretaría nunha “resposta clara e contundente” ao goberno de Siria. 

Cualifican de “violación flagrante do Dereito Internacional, un crime de guerra e un crime contra a humanidade” o ataque do que acusan ao goberno sirio nunha declaración conxunta que fixo pública a Alta Representante de Política Exterior e de Seguridade Común da UE, Catherine Ashton despois de se ter reunido co secretario de estado dos EU, John Kerry. 

“Unha resposta clara e contundente é crucial para deixar claro que estes crimes son inaceptábeis e que non pode haber impunidade” sinálase no comunicado no que se defende que a comunidade internacional “non pode quedar de brazos cruzados”. Tratan, ao seu ver, de “impedir crear un precedente perigoso para a utilización e armas químicas en Siria outra vez e en calquera outra parte”. Representantes exteriores dos gobernos da UE dan por feito segundo “unha ampla variedade de fontes” a existencia do ataque do que fan responsábel ao goberno sirio “porque é o único que posúe axentes de armas químicas e os medios para a súa entrega en cantidades abondosas”. 

A “contundentes resposta” aprobada por representantes dos 28 ministerios exteriores non bota luz á cuestión de si apoiarían unha intervención militar americana sen a existencia previa do informe de inspección da ONU. 

Comentarios