A UE reclama a AstraZeneca unha indemnización e a entrega de todas as doses

Polos "danos e prexuízos" causados aos 27 co retraso na repartición da vacina contra o coronavirus,

AstraZeneca

A Unión Europea solicitou esta terza feira perante os tribunais belgas que a farmacéutica AztraZeneca sexa condenada a pagar unha cantidade aínda por determinar polos "danos e prexuízos" causados aos 27 co atraso na repartición da vacina contra o coronavirus, nunha segunda demanda que se une á causa civil iniciada hai semanas para reclamar a entrega urxente das doses pendentes.

A Comisión Europea, que sinala que acudiu á Xustiza ordinaria tras non lograr de forma amigábel que o laboratorio cumprise o asinado, lanza así un segundo proceso xudicial para tratar de forzar a entrega dos 300 millóns de doses asinadas con AstraZeneca para como moi tarde en setembro.

Os avogados do Executivo comunitario defenderon na audiencia pública celebrada este 11 de abril a urxencia para resolver este asunto "á luz do seu impacto en vidas humanas, nas liberdades fundamentais e na campaña de vacinación".

A defensa de AstraZeneca, pola súa banda, puxo en dúbida que o caso deba resolverse con carácter de urxencia xa que a Unión Europea logrou abastecerse a través doutros laboratorios distintos que lle permiten contar cunha reserva "amplamente suficiente para a súa poboación".

A Xustiza belga celebrará xa o 26 de maio unha primeira vista para examinar o procedemento de urxencia co que Bruxelas reclamou todas as doses contratadas de inmediato, aínda que terá un mes para tomar a decisión definitiva, segundo explicaron fontes xurídicas.

En paralelo, os avogados que representan o Executivo comunitario e os Estados membro presentaron unha segunda demanda para que a Xustiza se pronuncie sobre o fondo do asunto, o que implica medidas cautelares para esixir a entrega de dose e o acceso a información confidencial, e tamén unha compensación que polo momento se fixou en "un euro provisional".

O tribunal de primeira instancia de Bruxelas fixou para os días 24 e 29 de setembro a vista para examinar este caso, para o que as fontes consultadas non esperan unha decisión definitiva -máis aló das cautelares sobre a entrega de dose- antes do outono de 2022.

Comentarios