A UE quere unha nova categoría para marcar de vermello escuro os territorios de risco moi alto

A presidenta da Comisión Europea propón "redefinir" as zonas de risco epidemiolóxico para crear unha nova categoría nos mapas que sinale en "vermello escuro" as áreas nas que o risco de contaxio ou de propagación de novas cepas sexa "moi alto".
Pasaxeiros nun aeroporto de Roma, Italia (Foto: Cecilia Fabiano/LaPresse via ZUMA Press/dpa)
photo_camera Pasaxeiros nun aeroporto de Roma, Italia (Foto: Cecilia Fabiano / LaPresse via ZUMA Press / dpa)

Os Estados da Unión Europea seguirán discutindo nos próximos días como restrinxir aínda máis as viaxes consideradas "non esenciais" dentro da UE para atallar a propagación de novas variantes do coronavirus, pero farano co compromiso de non fechar as fronteiras interiores para non danar o mercado interior e protexer a economía, segundo acordaron as e os líderes da UE nun cumio por videoconferencia.

Segundo dixo o presidente do Consello europeo, Charles Michel, tras dirixir desde Bruxelas case catro horas de reunión telemática, as e os mandatarios están "totalmente convencidos de que se deben garantir as fronteiras abertas", pero sendo conscientes de que ao mesmo tempo se deben poder tomar medidas para facer máis difíciles as viaxes que non sexan imprescindíbeis.

Para iso, a presidenta da Comisión Europea, Ursula  von  der Leyen, propuxo aos 27 "redefinir" as zonas de risco epidemiolóxico para crear unha nova categoría nos mapas que sinale en "vermello escuro" as áreas nas que o risco de contaxio ou de propagación de novas cepas sexa "moi alto".

Neses lugares sinalados como de maior risco na nova clasificación, os desprazamentos deberán estar "fortemente desaconsellados" e deberanse aplicar medidas "adaptadas" á situación, e non "prohibicións xeneralizadas que danarán a nosa economía pero non frearán a pandemia", dixo Von  der Leyen.

A xefa do Executivo comunitario ha adiantado xa que espera que os seus servizos presenten propostas concretas o vindeiro luns para que poidan ser discutidas a nivel técnico polos Vinte e sete antes de tomar decisións concretas.

Desta forma, Von  der  Leyen admitiu que as medidas que afectan as fronteiras e as viaxes son decisións de competencia estatal sobre as que os Gobernos terán a última palabra para cada territorio, pero instou á máxima coordinación entre os Estados membro.

As e os líderes tamén salientaron a necesidade "esencial" de acelerar as campañas de vacinación ante unha situación que preocupa cada vez máis ás e aos dirixentes da UE. A este respecto, Michel subliñou que as compañías coas que a UE asinou acordos para a compra das súas vacinas deben "respectar" os seus compromisos de entrega de dose.

"As empresas deben cumprir escrupulosamente cos contratos", exixiu o primeiro ministro de Portugal e presidente de turno da UE este semestre, António Costa, que dixo que non se debe repetir a situación da última semana, na que  Pfizer retardou as entregas da súa vacina.

Vacinación

Pola súa banda, Von  der Leyen remarcou que a Comisión está a traballar "da man" cos grupos farmacéuticos e coa Axencia Europea do Medicamento (EMA), á vez que garantiu que Bruxelas está "determinada" a dar "máis  estabilidade" ao proceso de entrega de doses. "Están previstas máis vacinas pronto", dixo.

Precisamente, foron varios os líderes que avogaron por axilizar o proceso de aprobación de vacinas a nivel europeo. Entre eles, os primeiros ministros de Austria,  Sebastian  Kurz, Dinamarca, Mette  Frederiksen, e Grecia,  Kyriakos  Mitsotakis, quen pediu á EMA que acelere o máximo posíbel a autorización da vacina de Oxford e AstraZeneca, prevista para o día 29.

Bruxelas suxeriu aos 27 que se comprometan a vacinar 80% do persoal sanitario e das persoas maiores de 80 anos de aquí a marzo e a inmunizar 70% do conxunto da poboación adulta na UE como moi tarde este verán, un reto que Michel considerou "difícil" pero posíbel.

No marco da discusión sobre vacinas, os líderes tamén escoitaron a proposta de  Mitsotakis de crear un certificado común de vacinación que puidese facilitar as viaxes de quen estea inmunizado, aínda que non houbo resultados sobre este asunto que a maioría de Estados membro non ven como prioridade.

Von  der  Leyen explicou que non hai dúbida sobre a conveniencia dun certificado "médico" que permita rexistrar e facer o seguimento do tratamento, pero considerou prematuro pronunciarse sobre os usos que se podería dar a un documento harmonizado deste tipo a falta de estudar cuestións legais e avanzar na reflexión política.

Os Vinte e sete ven as vantaxes de contar cun certificado común que recolla os elementos médicos, en liña con cartillas de vacinación recoñecidas pola Organización Mundial da Saúde. Con todo, non ven urxencia en tomar decisións cando apenas se iniciaron as campañas de vacinación nos países da Unión Europea e quedan cuestións médicas fundamentais por aclarar, como por canto tempo inmunizan o paciente as distintas vacinas ou se se segue sendo vector de contaxio tras a vacinación.

Comentarios