Que consecuencias terá o "embargo total" de petróleo ruso que prepara a UE?

Von der Leyen confirmou esta cuarta feira no Parlamento europeo a intención do ente comunitario de reducir até cero, de forma progresiva, as importacións de Rusia.
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen. (Foto: Philipp von Ditfurth / dpa)
photo_camera A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, esta cuarta feira, no Europarlamento. (Foto: Philipp von Ditfurth / dpa)
  1. Canto depende a UE do petróleo ruso?
  2. Como será o embargo "total"?
  3. Cando será efectivo o embargo?
  4. Subirá o prezo do petróleo?

Cero barrís de petróleo procedentes de Rusia. Ese é o obxectivo que se propón a Unión Europea (UE) no marco do novo paquete de sancións que está a artellar por mor da invasión de Ucraína.

Canto depende a UE do petróleo ruso?

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, propuxo o embargo "total" esta cuarta feira aos gobernos europeos no pleno do Parlamento europeo, mais recoñeceu que achar alternativas "non será doado".

"Algúns estados membro son fortemente dependentes, mais debemos simplemente traballar niso. Propomos desde agora unha prohibición do petróleo ruso, unha prohibición total das importacións de todo o petróleo ruso", proclamou.

De feito, segundo os datos máis recentes de Eurostat, un de cada catro barrís de petróleo que a UE importou en 2021 procedía de Rusia. O país que goberna Vladimir Putin é tamén o principal provedor de gas natural (45%), outra das materias primas sobre as que o ente comunitario quere reducir a dependencia. Porén, o Estado español só importa 4,6% de cru de Rusia.

Como será o embargo "total"?

Esta ruptura co petróleo ruso farase de maneira "ordenada" para que os propios países da UE e máis os seus 'socios' teñan tempo de "buscar vías alternativas" de subministración e "conter o impacto nos mercados". O embargo afectará tanto o petróleo transportado por vía marítima como por oleodutos, quer cru quer refinado, malia que o sistema deseñado por Bruxelas avoga por unha redución "progresiva".

Para iso, dixo Von der Leyen, a UE renunciará "progresivamente" á subministración rusa de petróleo cru ao longo dos próximos seis anos, e ao de produtos refinados "de aquí a final de ano".

Deste modo, afirmou a xefa do Executivo comunitario, a UE exercerá unha "presión máxima" sobre o Kremlin ao mesmo tempo que "reduce ao mínimo os danos colaterais", porque "para poder axudar Ucraína precisamos que a nosa economía se manteña forte".

Cando será efectivo o embargo?

A proposta detallada sobre o sexto paquete de sancións está a ser examinada polos Vinte e sete estados nunha reunión de embaixadores e embaixadoras en Bruxelas. De forma paralela, Von der Leyen informa do seu contido á Cámara.

O obxectivo é que os estados membro, algúns dos cales reclaman excepcións na aplicación de sancións pola súa forte dependencia, como Eslovaquia ou Hungría, fechen un acordo entre a quinta e a sexta feira.

Subirá o prezo do petróleo?

Esta mesma terza feira a consultora enerxética Tempos Energía publicou un informe no que asegura que unha desconexión "total" do petróleo ruso suporía para a UE "un incremento do prezo por riba dos 150 dólares o barril de Brent".

"Non estamos preparados para unha desconexión inmediata; porén unha supresión gradual duns catro meses podería levarse a cabo sen perturbar significativamente os prezos", dixo o director xeral da entidade, Antonio Aceituno.

Comentarios