sábado 08/08/20

A UE oponse á reinstauración da pena de morte federal nos EUA

Nun comunicado, Bruxelas subliña ademais que os 27 apoian de maneira "firme e inequívoca" as familias das vítimas de crimes e apoian a aplicación efectiva doutro tipo de penas "non letais".
En vermello, os Estados dos EUA onde está vixente a pena de morte (Nós Diario)
En vermello, os Estados dos EUA onde está vixente a pena de morte (Nós Diario)

"A Unión Europea oponse con firmeza á decisión do Departamento de Xustiza dos Estados Unidos de reinstaurar a pena de morte federal despois dunha pausa de 17 anos e instamos a Administración estadounidense a reconsiderar e non proceder ás execuciones federais previstas a partir do 13 de xullo", expresou un portavoz do Servizo Europeo de Acción Exterior a través dun comunicado aos medios.

A Unión Europea cre que a pena capital é un castigo irreversíbel "cruel, inhumano e degradante", que resulta incompatíbel co dereito "inalienábel" á vida e, ademais, non resulta efectivo para impedir accións criminais, polo que rexeita esta práctica "en todas as circunstancias e en todos os momentos".

A mensaxe europea, ademais, subliña que os 27 apoian de maneira "firme e inequívoca" as familias das vítimas de crimes e apoia a aplicación efectiva doutro tipo de penas "non letais".

"A Unión Europea continuará a traballar para a abolición universal da pena de morte", conclúe o comunicado da diplomacia comunitaria, que tamén lamenta que a decisión dos Estados Unidos vai en contra da tendencia xeral de acabar con este tipo de castigos capitais.

comentarios