Unha UE á medida do Reino Unido para evitar o Brexit

Os 27 Estados membros aceptan impor resticións ás persoas migrantes para acceder ás axudas sociais británicas. Unha medida que podería ser aplicada tamén noutros territorios. O referendo do Reino Unido terá lugar o 23 de xuño.

Tusk e Cameron no Consello Europeo
photo_camera Tusk e Cameron no Consello Europeo [Imaxe EU]

Esta sexta feira (19 de febreiro) os 27 Estados membros alcanzaron un acordo na negociación que o Consello mantén co Reino Unido para evitar a súa saída da Unión no referendo que o goberno de David Cameron convocará o vindeiro 23 de xuño. 

"Traballarei en corpo e alma polo non", sinalou o primeiro ministro británico á saída da xuntanza após tirar das autoridades comunitarias as mudanzas exixidas durante as últimas semanas para se posicionar contrario ao denominado Brexit. 

As restricións no acceso ás axudas sociais para migrantes intracomunitarias serán aplicadas tamén noutros países como Dinamarca

No concreto, os 27 representantes políticos dos territorios que compoñen a UE asumiron introducir nos Tratados a posibilidade de que o Reino Unido impoña restricións ás persoas traballadoras, migrantes, intracomunitarias á hora de accederen a axudas sociais por un período de 7 anos. Un doce nos beizos doutros países, como Dinamarca, que tamén son receptores de migración procedente do leste e sur de Europa e que, após o acordo, poderán implementar medidas semellantes. Ora ben, só coas traballadoras e traballadores que sexan utentes destas axudas e prestacións a partir da entrada en vigor do acordo e non con carácter retroactivo. 

Cameron di non ver "ningunha discriminación" na medida mais a todas luces supón unha fenda entre nacionais e intracomunitarias. 

Persoas refuxiadas

Sobre a mesa de negociación tamén se situou a crise de persoas refuxiadas. O primeiro ministro grego, Alexis Tsipras, exixiu aos demais estados membros solucións á situación que atinxe Grecia e advertiu --tomando nota da estratexia británica-- coa posibilidade de vetar o acordo --que precisa unanimidade-- se non se garantía o mantemento do país no espazo Shengen e solidariedade entre os estados membros perante a maré de persoas deslocadas forzosamente que están a chegar ás súas costas. 

Os países centroeuropeos queren a Grecia fóra de Shengen 

Porén, Tsipras ficou só na reclamación. Os países centroerupeos queren Grecia fóra do espazo de libre circulación --unha medida sobre a que traballa desde hai semanas a UE-- e reforzar o muro construído na fronteira de Macedonia para frear o acceso de persoas refuxiadas ao tempo que se torna Turquía nun tapón. 
 

Comentarios