AMNISTíA INTERNACIONAL DESCRIBE AS CONDICIóNS NOS CAMPOS DE DETENCIóN GREGOS

A UE mantén nos campos de detención de Grecia 4.200 persoas

"Ningún solicitante de asilo pode ser detido de maneira automática" , adiverte a organización internacional após comprobar que só dúas persoas das 89 que entrevistaron en Lesbos e Quíos, contaban con orde de detención baseada en circunstancias propias.

Gabriel Tizón
photo_camera [Imaxe GABRIEL TIZÓN]

Amnistía Internacional vén de publicar un informe sobre a situación que atinxe as persoas retidas nos campos de detención de Moria (Lesbos) e VIAL (Quíos). 

No campo de Moria (Lesbos) atópanse detidas 3.150 persoas cando a súa capacidade é de apenas mil

Ambos os dous emprazamentos, tornados após a entrada en vigor do acordo entre a UE e Turquía, centros de internamento para as persoas que solicitan asilo, acollen aproximadamente 4.200 persoas. Por volta de 3.150 só en Lesbos malia que a capacidade do campo é de apenas mil. 

A organización internacional realizou 89 entrevistas, entre elas mulleres grávidas, mulleres soas con crianzas e persoas con traumas ou doenzas graves que son identificadas como "grupos vulnerábeis". 

Gauri van Gulik, director AI para Europa: "As detencións automáticas son ilegais"

Após as entrevistas realizadas nos dous campos --que fican fechados aos ollos do mundo exterior polo arame de espiños-- o director de Amnistía Internacional para Europa, Gauri van Gulik, exixiu a posta en liberdade "inmediatamente" das persoas vulnerábeis entre elas "moitas crianzas pequenas, persoas con discapacidade ou persoas con necesidades médicas urxentes" que atoparon na súa visita. 

Aliás, sinalou que se están a "pisotear os dereitos e o benestar das persoas máis vulnerábeis", para comezar pola súa detención sen cumprir cos preceptos legais estabelecidos internacionalmente. "Ningún solicitante de asilo pode ser detido de maneira automática", dixo Gauri van Gulik. Neste senso, só dúas das 89 persoas entrevistadas por Amnistía Internacional puido achegarlle á organización ordes de detención baseadas en circunstancias individuais. "As detencións automáticas son ilegais", subliñou. 

O campo de Quíos é unha antiga factoría de aluminio abandonada na que a asistencia médica só está disponibel unhas horas ao día

No VIAL (Quíos), unha antiga factoría de aluminio abandonada, só contan con asistencia médica unhas horas concretas e non hai medicinas suficientes, segundo recolle o relatorio de Amnistía Internaciona. En Moria (Lesbos) hai tres facultativos para 3.150 persoas. O acceso á comida está tamén "restrinxido", relatan, e milleiros de persoas concéntranse en apenas espazo véndose moitas obrigadas a durmir ao raso durante días até seren acomodadas en tendas de acampada precarias. 

A ausencia de intérprete deixou unha crianza de 8 anos se médico

Un dos relatos recollidos por Amnistía é o dunha familia de 8 integrantes, entre as que se atopa unha muller grávida, unha crianza de 4 anos e un home en cadeira de rodas que permaneceron dúas noites durmindo fóra con "dúas mantas" a repartir. 

Tamén incorporan ao informe o caso dunha nena iraquiana con infección de cadeira e necesidade urxente de recibir tratamento. Foi ao médico do campo en dúas ocasións, na primeira non había intérprete e na segunda "simplemente denegáronlle acceso", di Amnistía Internacional. "Sempre ten dor", explica a nai. 
 

Comentarios