A UE levará o Reino Unido á xustiza se non cumpre o acordo do Brexit

Sefcovic incidiu en que deixan a porta aberta á negociación co Reino Unido, non obstante, negaranse a calquera modificación do protocolo que regula a súa saída do bloque.
Maros Sefcovic, vicepresidente da Comisión Europea. (Foto: Hollie Adams / PA Wire / dpa).
photo_camera Maros Sefcovic, vicepresidente da Comisión Europea. (Foto: Hollie Adams / PA Wire / dpa).

“Non hai dúbida que non hai xustificación legal nin política para cambiar de maneira unilateral un acordo internacional, é ilegal, e tamén é extremadamente daniño para a confianza mutua”, incidiu onte Maros Sefcovic, vicepresidente da Comisión Europea e responsábel das relacións co Reino Unido, ao tempo que anunciaba que o Executivo comunitario decidiu reactivar o proceso de infracción contra o Goberno de Boris Johnson por non cumprir o acordo do Brexit.

Esta resolución implica na práctica que se outorgan a Londres dous meses antes de remitir o caso ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), centrado nas denuncias de Bruxelas por incumprir o tratado no que atinxe á circulación de mercadorías e mais ás regras sanitarias e fitosanitarias.

"A mellor solución"

Sefcovic incidiu en que deixan a porta aberta á negociación co Reino Unido, non obstante, negaranse a calquera modificación do protocolo que regula a súa saída do bloque, salientando que levou “máis de catro anos” chegar a un pacto e que foi a “mellor solución que se puido atopar”, polo que criticou a intención británica de “determinar as condicións de acceso ao Mercado Único de maneira unilateral. 

A resposta da Unión Europea (UE) chega despois de coñecerse o pasado fin de semana que o Goberno de Londres presentaría un proxecto lexislativo no que, por unha banda, elimina o papel do TXUE como garante dos acordos de saída da UE, e pola outra, modifica a aduana interior que rexía entre Gran Bretaña e a illa de Irlanda para substituíla por dúas canles diferenciadas, unha de produtos para Irlanda do Norte e outra para a República de Eire, na que se manterían os controis actuais.

Suspendido o voo de deportación a Ruanda

Malia que onte Nós Diario informou do despegue dun voo do Reino Unido en dirección a Ruanda que foi publicado polos medios británicos, en base ao acordo entre os dous Estados para que o país africano reciba os solicitantes de asilo en Londres; na madrugada da terza á cuarta feira, o gabinete de Johnson recoñeceu que esa viaxe non se chegara a producir por mor de que o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos aceptou no último momento as apelacións dos migrantes.

Desde o 10 de Downing Street reiteraron a cuarta feira que están dispostos a aplicar “as reformas legais que sexan necesarias” para continuar coas deportacións, sen descartar o abandono dos tratados europeos sobre dereitos humanos, para invalidar a lexitimidade do tribunal.

Comentarios