A UE invoca a "defensa colectiva" por primeira vez na historia

Os 28 Estados membros acordaron por unanimidade "prestar axuda e asistencia" militar ao goberno francés na súa operación contra o ISIS.

François Hollande
photo_camera François Hollande [Imaxe NATO]

Nunca antes, desde a sinatura do Tratado de Lisboa (2009) se invocara o artigo 42.7 do Tratado da Unión Europea (TUE) polo que se fixa o "dereito de defensa colectiva" dos Estados membros da Unión. 

Así o anunciou en comparecencia de imprensa Jean-Yves Le Drian, ministro francés após a xuntanza desenvolvida entre @s representantes de Defensa dos 28. 

De acordo co disposto no Tratado de Lisboa "se un Estado membro é obxecto dunha agresión armada no seu territorio, os demais terán a obriga de lle emprestar axuda e asistencia con todos os medios ao seu alcance, de conformidade co artigo 51 da Carta das Nacións Unidas" para a defensa colectiva, "sen prexuízo da política de seguridade e defensa de determinados Estados membros" e de acordo cos "compromisos acordados no marco da OTAN". Neste senso, será a Organización do Tratado do Atlántico Norte "o fundamento da súa defensa colectiva". 

A invocación do artigo 42.7 do Tratado de Lisboa non suporá limitacións nos "compromisos acordados no marco da OTAN", afirman

Para o ministro de Densa francés, Jean-Yves Le Drian, trátase dun "acto político de enorme envergadura" ao que cada país "contribuirá dunha forma ou outra". Neste senso, o goberno galo iniciará unha rolda de contactos bilaterais nos que concretar de que maneira colaborarán na guerra aberta desde París no "teatro de operacións en Oriente Próximo ou noutro", explicou Le Drian. 

Estas xuntanzas a dúas bandas encetarán "nas próximas horas", dixo, para que a contribución de cada Estado membro se concrete "rapidamente". Do contrario, asegurou, "non fai sentido". 

Washington en París intensifican os bombardeos 

Doutra banda, o presidente da República, François Hollande mantivo un encontro esta terza feira co secretario de Estado dos EUA, John Kerry. Ambos os dous gobernos acordaron "aumentar os esforzos na loita contra o terrorismo" e que darán "pasos significativos" e "xuntos". Cumpre lembrar que Francia mantén operacións militares contra o ISIS na Siria desde o 27 de setembro. Operacións que se intensificaron após os ataques de París do 13 de novembro con bombardeos en cidades como Raqqa. 

Comentarios