domingo 18/04/21

A UE intercede para asegurar a volta dos EUA ao acordo nuclear iraniano

A comisión conxunta sentou na mesma mesa en Viena as delegacións do Irán, dos Estados Unidos, de Rusia, da China, de Francia, do Reino Unido e de Alemaña.
viena_acordo_nuclear
Xuntanza de onte en Viena (UE / Europa Press)

A UE sinalou que abre un proceso no seo da comisión conxunta do acordo nuclear iraniano para asegurar a volta dos Estados Unidos ao pacto, así como para garantir que o Irán se compromete co cumprimento integral do mesmo.

O anuncio foi realizado tras a reunión en Viena da comisión conxunta que fai seguimento do pacto e que sentou na mesma mesa as delegacións do Irán, dos Estados Unidos, de Rusia, da China, de Francia, do Reino Unido e de Alemaña para discutir o futuro do Plan de Acción Integral Conxunto (PAIC), nome técnico do acordo nuclear.

Bruxelas pretende iniciar deste modo unha nova páxina para achegar posturas e salvar o pacto a través da mediación diplomática. Aínda que os encontros continuarán na capital austríaca, agárdase que esta fase poida durar varios meses e non se resolva até que pasen as eleccións presidenciais no Irán previstas para o próximo xuño.

Reaccións

Tras o encontro presencial, o primeiro convocado desde decembro, Teherán salientou o carácter "construtivo" do mesmo, apuntando que seguirán os contactos en Viena coa vista posta noutra posíbel cita diplomática na sexta feira, segundo apuntou o viceministro de Exteriores, Abbas Araghchi, citado por medios iranianos.

A delegación rusa valorou positivamente a reunión, facendo fincapé en que os grupos de expertos suscitarán medidas concretas para que os EUA e o Irán restauren a aplicación do PAIC.

"Os grupos comezaron a traballar de inmediato", sinalou o representante ruso, Mijail Ulianov, segundo a axencia Sputnik.

O encontro decorrido nesta terza feira, 6 de abril, culmina unha serie de esforzos diplomáticos en que xogou un papel relevante a UE. De feito, a cita convocouse tras constatar nunha videoconferencia a semana pasada o compromiso das partes por preservar o acordo.

comentarios