Denuncian que “a privatización do sistema sanitario tivo efectos mortais” na pandemia

A UE impulsa a privatización da sanidade

A pandemia puxo ao descuberto os efectos das políticas de recortes do sector público na saúde das persoas. A Unión Europea tense mostrado como un organismo chave para impulsar esta axenda. Os planos de rescate impostos aos Estados da periferia e as recomendacións do Semestre son un bo exemplo.
Sede en Bruxelas do Parlamento Europeo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Sede en Bruxelas do Parlamento Europeo. (Foto: Europa Press)

A proposta programática da Comisión Europea adoita recollerse no denominado Semestre Europeo, unhas recomendacións que realizan aos diversos Estados da Unión Europea e que van ser os eixos para elaborar os plans de reformas obrigatorios de cara a acceder aos fondos do Next Generation. Sen ir máis lonxe, nos últimos catro anos e no marco das suxestións do Semestre demandouse a 12 Estados, entre eles ao español, unha rebaixa do investimento sanitario, propondo entre outras cuestións as reducións dos tratamentos hospitalarios, unha diminución no tempo de estadía nos centros médicos ou a introdución de fórmulas de financiamento que castiguen os “doentes reincidentes”, isto é, aqueles considerados como crónicos ou que fan un uso superior á media dos sistemas de saúde.

As suxestións do Semestre Europeo non representan ningunha novidade na política sanitaria común. Así, por exemplo, no acordo de rescate imposto a Portugal en 2011 pola Unión Europea (UE) obrigárono a rebaixar as achegas públicas ao sistema de saúde, que entre 2011 e 2012 diminuíron en 27%. Outro tanto aconteceu con Grecia, que após tres programas consecutivos de axuste atendendo aos ditados da Comisión Europea reduciu o investimento sanitario por habitante en preto de 40% entre 2010 e 2016. Italia seguiu un camiño semellante tras meter presión a UE ao seu Executivo para que caese o gasto sanitario e recibir en 2012 unha famosa carta pública do Banco Central Europeo, onde esixiu “reformas urxentes en materia sanitaria, que deben recoller unha diminución do gasto en 20%”.

Un recente informe do Corporate Europe Observatory vén de pór o foco nas responsabilidades da Unión Europea no desmantelamento dos sistemas sanitarios públicos e no seu papel chave no deterioro da calidade asistencial. Así, no mesmo sinálase que as privatizacións “están directamente relacionadas con decisións políticas animadas pola Comisión Europea, ao que se engade que o sector sanitario privado está a abusar da pandemia para meter presión para recibir máis diñeiro público, principalmente a través dos fondos de recuperación”. Na mesma liña indica que “as presións da UE para recortar o gasto público, mesmo a través do Semestre Europeo, contribuíron á mercantilización dos sectores da saúde e o coidado de persoas maiores, con efectos catastróficos durante a Covid-19”.

A saúde ao servizo do mercado

O estudo do Corporate Europe Observatory critica que “as institucións europeas subordinen as políticas de saúde á narrativa do crecemento económico da UE en lugar de valorar os obxectivos sanitarios como un dereito fundamental”. “Malia a existencia de documentos oficiais que avalan a necesidade de investir en saúde, os investimentos en infraestruturas sanitarias ou en recursos humanos como requisito previo para o crecemento económico non se teñen como prioridade”, sinalan desde a Corporate Europe Observatory, apuntando que “se os sistemas de saúde de Europa estivesen mellor equipados para manexar a pandemia, os impactos económicos non serían tan graves”.

Corporate Europe Observatory considera que “a privatización do sistema sanitario europeo tivo efectos mortais, postos en evidencia durante o último ano” e denuncia que “a subcontratación e a provisión privada de atención médica degradaron de modo significativo a capacidade dos Estados membros da UE para combater de maneira efectiva a Covid-19”. Neste sentido, o informe sostén que "as presións políticas levaron á mercantilización e privatización dos sistemas de atención da saúde e das persoas maiores na Unión Europea, o que reduciu a preparación dos países para facer fronte á pandemia”.

Os escenarios futuros dependerán, como sempre, da correlación de forzas. Porén, desde Corporate Europe Observatory non son optimistas e entenden que os grandes grupos económicos, nomeadamente fondos de investimento, que controlan a sanidade privada e que determinan as políticas nesta materia da Unión Europea, están a “utilizar a pandemia para afianzar e ampliar aínda máis o papel do sector privado”.

Neste sentido, advirten de que “os hospitais privados están ansiosos por obter unha parte dos fondos de recuperación da UE, como mostra o lobby da UEHP a través da Coalición de Saúde da UE”. A este respecto, a Comisión Europea defende que a metade dos fondos para a saúde incluídos no fondo Next Generation se destinen ao complexo sanitario privado. 

Comentarios