Crimea asina a súa adhesión a Rusia coas sancións internacionais como pano de fondo

Representantes gobernamentais de Crimea, Rusia e a cidade de Sevastopol asinaron nun acto solemne a integración destes territorios na Federación rusa. Mentres, Barack Obama e @s responsábeis de Relacións Exteriores da UE acordaron aplicar as maiores sancións contra Rusia desde a Guerra Fría.

RUSIA
photo_camera [Imaxe: Kirill KUDRYAVTSEV/AFP PHOTO]

A Duma acolleu esta terza feira a sinatura do acordo de adhesión entre Crimea e Rusia. O territorio cedido na década dos cincuenta por Moscú a Kiev volverá ser ruso após o referendo do domingo en que máis do 96% da cidadanía crimea apoiou a súa entrada na Federación rusa. Pola súa banda, a cidade de Sevastopol --na que se atopa a base militar rusa-- integrarase como cidade autónoma. 

O acordo asinado entre os tres territorios contempla tamén a convocatoria de eleccións parlamentares e municipais en setembro de 2015. Nunha intervención pública posterior á sinatura do acordo o presidente ruso, Vladimir Putin asegurou que "non ter respondido" á petición de axuda lanzada desde Crimea "tería sido unha traición" á peníncula que, sinalou, "foi e será sempre territorio ruso". 

O acto tivo lugar horas despois de se aprobaren as sancións internacionais impostas pola UE e EUA contra Rusia como resposta á súa actitude face @s que coidan "colaboracionistas" do decorrer dos acontecementos en Ucraína.

EUA e UE tildan o referendo en Crimea de "ilegal" e "violación" do dereito internacional

As sancións impostas pola UE e a Casa Branca non serán --polo de agora-- de carácter económico e centranse na conxelación de bens e prohibición de visados para aquelas persoas que consideran responsábeis da achesión de Crimea a Rusia. Unha decisión que embora contar co apoio do 96% da poboación deste territorio, foi tildada de "ilegal" e unha "violación" do dereito internacional pola administración Obama e @s líderes europe@s. 

"Estamos deixando claro que hai consecuencias por estas accións", sinalou en comparecencia de imprensa a segunda feira o presidente estadounidense. O seu goberno decidiu aplicar as medidas sobre algunha das persoas máis próximas a Vladimir Putin e a destacados cargos da Duma.

A UE sancionará Rusia en fases

Pola súa banda, a Unión Europea aplicará o conxunto de sancións acordadas en fases. 

A UE estudará aplicar sancións económicas se as políticas non lle dan resultados

Así, nunha primeira rolda as institucións comunitarias suspenderán a negociación para liberalizar os visados con Rusia e para un novo acordo marco nas relacións entre ambos os dous territorios. Aliás, nunha segunda fase a UE restrinxirá os vusados e activos daquelas persoas que consideraron @s responsábeis da inestabilidade na rexión. Entre eles, o ex-presidente Yanukovich e o primeiro ministro crimeo. 

Finalmente, nunha terceira fase, a UE activará máis un pacote de medidas mais só, din, se a situación non mellora. As institucións europeas non aclararon cales serán estas sancións mais, advertiron, que terian "consecuencias" sobre as relacións económicas entre Rusia e a Unión. 

As sancións acordadas constitúen as maiores desde a Guerra Fría. Porén, reflicten contención por parte das dúas bandas do atlántico cuxas economías posúen unha importante dependencia dos recursos enerxéticos rusos. 

Comentarios