González Palau: "A UE escribiría un guión de seu mudando de lealdades"

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI)acaba de presentar o seu anuario 2019-2020 sobre o estado do planeta, 'IGADI Annual Report: Da guerra comercial á Covid 19'. Nesta volta ao mundo en sete preguntas, o seu director, Daniel González Palau, analiza varios dos temas que marcan o panorama internacional actual.
Daniel González Palao (Arxina)
photo_camera Daniel González Palao (Arxina)

─Como vai afectar a pandemia na xeopolítica e na orde mundial?

Estamos ante un momento de incerteza radical, aínda que xa existían fendas profundas na sociedade internacional e multidimensional desde a guerra comercial entre os EUA e a China. Mais tamén pola crise ecolóxica ou das persoas migrantes e refuxiadas, que estaban a tensionar tanto a sociedade internacional como a política interna de cada Estado. Todas estas fendas neste novo escenario lévannos a un panorama de maior estrés e maiores riscos.

─É o enfrontamento China-EUA a Guerra Fría do século XXI?

Moitos analistas internacionais están a incidir nese marco dunha nova Guerra Fría. Nós vemos paralelismos claros: guerra comercial, tecnolóxica, diplomática, comunicacional... e mesmo unha escalada na confrontación militar, aínda que de momento non haxa escenarios quentes. A diferenza substancial coa Guerra Fría entre os EUA e a URSS é que neste caso é só Washington quen quere ese marco de confrontación e de polarización da sociedade internacional. A China está a promover discursos e accións que buscan solucións multilaterais, que non procuran unha confrontación directa cos EUA, senón unha actualización dos pactos universais. Foxe dese marco de Guerra Fría. Mais, si, estariamos ante unha nova versión dunha confrontación entre dúas superpotencias.

─Semella complicado que a China poida superar os EUA en canto á influencia no mundo, o chamado "poder brando", non si?

Co epicentro da pandemia en Europa, a China fixo esforzos por reforzar ese poder brando en Europa, axudando nomeadamente a Italia dunha maneira moi significativa, mais tamén ofrecendo garantías ─cos seus erros─ ao resto dos Estados á hora de conseguir material sanitario, que maioritariamente se produce alí. O que sucede é que no mundo occidental, no mundo da OTAN, o poder brando dos EUA é moi forte, sobre todo a nivel cultural e tecnolóxico. As resistencias á China nese ámbito son grandes. Tanto en Europa como nos EUA, as grandes sondaxes de opinión reflicten que cada vez máis poboación ve a China como unha ameaza. En cambio no resto do mundo, especificamente en África, cada vez máis vese a China como un socio fiábel que rompe tradicións empobrecedoras do pasado. Igual que en América Latina e nalgúns países de Asia. Creo que é unha das batallas máis interesantes que se van dar, e parece complicado que a China se poida gañar Europa.

─A ONU celebra 75 anos nun momento en que o multilateralismo non está de moda. Ten futuro?

Complicado. A tendencia inmediata é que as potencias rexionais tenten controlar a área de influencia máis próxima. Mais a crise actual e os riscos globais que se desenvolven como produto da globalización van seguir aumentando. A ONU ten un problema existencial: seguir na crise crónica de décadas ou reinventarse. Até as presidenciais nos EUA haberá unha calma sostida. A partir de aí, verase. Aínda que o consenso anti China é hexemónico entre republicanos e demócratas, o discurso de Trump cara á ONU é moi distinto que o de Biden, como se ve coa polémica coa OMS. Entón poderase acabar de definir esta crise crónica da ONU. No caso de gañaren os demócratas podería haber novos pactos. Ademais, en 2021 tense que renovar o START, o convenio de redución de armas nucleares. Nese tempo entre as eleccións e a renovación do tratado verase se este 75 aniversario da ONU acaba en catástrofe ou aparece un novo pacto mundial.

─Pode perder as eleccións Trump?

Pode, penso, igual que perdeu as de 2016 en votos populares. A tendencia parece que se vai repetir e aí hai unha serie de Estados críticos. Mais o escenario que deixa a pandemia nos EUA é desolador: se falamos en xeral de incerteza radical na sociedade internacional dentro de cada país, nas eleccións estadounidenses aínda é maior.

─E para a UE como se presenta o futuro pos Brexit e pos pandemia?

É outro actor internacional que está tamén nun momento de incerteza profunda. Cando a nova Comisión xa se axustaba ao Brexit, e parecía que se iniciaba un novo tempo, chega a pandemia, que lles está a causar graves problemas á hora de ter que cooperar na recesión que se aveciña. É unha UE en crise profunda desde as votacións da Constitución europea de 2005 que está chea de ameazas pola suba do escepticismo. É certo que hai unha xanela de oportunidade para que a UE se cohesione como bloque internacional por estas urxencias do Brexit e da pandemia.

E ao tempo porque nese escenario de enfrontamento EUA-China, a UE pode xogar un papel orixinal. Tanto aí, como nos temas da Axenda 2030 que a ONU ten sobre a mesa, como a transición ao desenvolvento sustentábel, a revolución tecnolóxica, o 5G... Por un lado pinta mal, mais polo outro si que pode dar a novos pasos. A nivel de poder, Eurasia acumula moitas fortalezas e a UE si cambia as súas lealdades tradicionais ou busca unha maior independencia internacional pode ter un espazo para escribir un guión de seu.

Comentarios