LIBRE COMERCIO ENTRE A UE E OS EUA

A UE desclasifica o mandato de negociación do TTIP

O Consello fixo público o documento no que debulla os principais puntos de negociación do Tratado de Libre Comercio entre a UE e os EUA. 

PINS

A liberalización dos mercados, servizos e investimentos entre ambos os dous países através da supresión das barreiras existentes na actualidade é o principal obxectivo do acordo que negocian ambos os dous blocos económicos desde 2013. 

A desclasificación, por parte do Consello, do mandato de negociación constitúe a primeira presentación pública e oficial das negociacións. Mais tamén dos asuntos que están riba da mesa nas conversas bilaterais entre a Unión Europea e os Estados Unidos. Até o momento, só foran filtrados rascuños através de plataformas web. 

O documento publicado esta quinta feira (9 de outubro) e pendurado no portal web do Consello da UE componse de 19 páxinas intituladas 'Directivas para a negociación sobre o comercio e o investimento trasatlánticos. Parcería entre os EUA e a UE'. Ao longo de todo o texto especifícanse os obxectivos do acordo e os aspectos fundamentais da posición europea durante as conversas que unha delegación da Comisión e representantes da administración estadounidense desenvolven desde comezos de 2013. 

Así pois, o documento debrúzase sobre o intercambio de bens, servizos, investimentos e contratos públicos. O obxecto do acordo é a liberalización máxima entre os mercados de ambos os dous blocos económicos, mesmo --nalgúns casos-- para alén do fixado no seo da Organización Mundial do Comercio ou das negociacións desenvolvidas no marco do GATT/GATS. 

Facilitar o acceso das empresas privadas aos servizos públicos

Neste senso, o Tratado visa suprimir ou flexibilizar ao máximo nivel as restricións comerciais vixentes e posibilitar a entrada de produtos ou servizos procedentes dunha ou doutra beira do Atlántico. Mesmo, salienta no documento, a respeito dos contratos públicos a nivel --nacional, rexional ou local.

 Tratado de Libre Comercio "terá como obxectivo reforzar o acceso mutuo aos mercados de contratos públicos en todos os niveis administrativos (nacional, rexional e local)" 

Isto é, o Tratado de Libre Comercio "terá como obxectivo reforzar o acceso mutuo aos mercados de contratos públicos en todos os niveis administrativos (nacional, rexional e local) e nas áreas de servizos públicos, abranguendo as operacións relevantes de empresas que operan neste campo e garantindo un tratamento non menos favorábel do que o concedido a fornecedores estabelecidos localmente", afirma o texto. 

Da mesma maneira, ambas as dúas partes están a negociar a concesión dun "tratamento non menos favorábel para o estabelecimento no seu territorio, de empresas, filiais ou sucursais da outra Parte do que o concedido ás suas propias sociedades, filiais ou sucursais, tendo en debida conta a natureza sensíbel de algúns sectores específicos". Un feito que se extende tamén ao intercambio de traballadoras e traballadores para o que, acrecentan, "o acordo debe desenvolver unha estrutura para facilitar o recoñecemento mutuo das calificacións profesionais". 

Desde a Unión Europea, afirman no documento desclasificado, a delegación negociadora terá que defender a "alta calidade dos servizos públicos" de acordo, din, co fixado no TFUE en aras, acrecenta, de dar cumprimento ao "compromiso" comunitario co "servizos de interese xeral". Así as cousas, o TLC abre a porta á xestión privada dos servizos e a que estes sexan fornecidos por empresas privadas estadounidenses. 

Podes consultar o documento íntegro na seguinte ligazón [PDF] [ENG]

Comentarios