A UE deportará as persoas refuxiadas a Turquía

O Consello europeo acordou presentar ao goberno turco a súa proposta que incorpora cambios "mínimos" á presentada por Ankara. 

Idomeni_Gabriel Tizón
photo_camera Idomeni [Imaxe Gabriel Tizón]

Os Estados membros da Unión Europea acordaron na quinta feira continuar adiante co seu plan a respeito das persoas refuxiadas. Aquelas que se atopan en Grecia serán deportadas a Turquía e, a partir de aí, serán reubicadas aquelas que conten co recoñecemento de asilo por parte de Ankara. 

Entón, que muda? Basicamente, nada. A UE porá por escrito que as peticións de asilo recibidas en Grecia serán tratadas individualmente o que se engade á proposta como "referencia explícita". Aliás, para reforzar a "legalidade" das deportacións, din, reforzarán o papel do Alto Comisionado de Nacións Unidas para as persoas refuxiadas (ACNUR) na xestión das devolucións, a mesma organización internacional que censurou o preacordo por contravir a Convención de Xenebra (1951) e a Carta de Dereitos Humanos. 

'Un por un' e só sirias

Mantense, así mesmo, o principio 'un por un' e a exclusión das persoas que non conten coa nacionalidade siria da posibilidade de seren reasentadas en territorio UE. Os criterios de reasentamento seguirán o principio de vulnerabilidade das Nacións Unidas, segundo recollen diversas axencias de noticias.  

O obxectivo da UE é que Turquía se convirta nun tapón e que o paso de persoas "se reduza a cero ou case cero" embora existan casos documentados de deportacións desde Ankara aos países de orixe, dos que fuxen. 

Baséanse as autoridades comunitarias na idea do "terceiro país seguro", avalada recentemente polo Tribunal de Xustiza da Unión mais que, até o momento, Turquía non é. Cómpre pois que se desenvolvan modificacións legais para que Ankara poida ser considerada como tal, cando menos formalmente. 

Turquía

A posición común á que chegaron os 28 será presentada polo presidente do Consello, Donald Tusk, esta sexta feira a partir das 13.30 horas ás autoridades turcas que agardan recibir máis axudas económicas da UE (até 6 mil millóns de euros), pór fin á necesidade de visado para o tránsito da cidadanía turca ao Espazo Shengen e mesmo acelerar o proceso de adhesión do país, cuestión que conta co rexeitamento de Chipre que advertiu cun posíbel veto. 

No acordo da UE non se fai mención algunha ás medidas que adoptarán os Estados Membros para paliar as condicións de insalubridade nas que se atopan as persoas refuxiadas nos campos do norte de Grecia, entre eles Idomeni. 

Incumprimentos

Aliás, nos últimos 6 meses a Unión demostrou a súa incapacidade para cumprir os acordos que alcanzan os Estados membros e é que en setembro de 2015 comprometéranse a reasentar 160 mil persoas en dúas fases, 54 mil no primeiro ano e 46 mil no segundo. A 15 de marzo de 2016 só foron reubicadas 937 persoas procedentes de Italia e Grecia. 

Comentarios