A UE condena a violencia en Bielorrusia, e Rusia e a China felicitan a Lukashenko

O actual mandatario, que se impuxo nas presidencias con 80% do voto, defendeu a actuación policial e avisou de que "non haberá un Maidan", en alusión ás manifestación que derrocaron o Goberno de Viktor Yanukovich en Ucraína.
EuropaPress_3213826_handout_30_june_2020_russia_tver_russian_president_vladimir_putin_and (1)
photo_camera Putin e Lukashenko, nun memorial a militares da URSS en xuño (Kremlin / dpa)

Alexander Lukashenko conseguiu un sexto mandato ao gañar as eleccións presidenciais desenvolvidas o domingo en Bielorrusia con 80,23% dos votos, segundo os resultados preliminares comunicados na segunda feira pola Comisión Electoral Central.

En segunda posición, aínda que a gran distancia, ficou a principal candidata da oposición, Svetlana Tijanovskaya, con 9,9% dos votos, seguida dos tamén opositores Anna Kanopatskaya, con 1,68%; Andrei Dmitriyev, con 1,04%; e Sergei Cherechen, con 1,13%. A participación foi de 5.798.908 persoas, 84,23% do electorado.

Os primeiros datos apuntaban este resultado, situación que provocou na madrugada do domingo á segunda feira un estalido nas rúas con manifestacións en Minsk e outras cidades do país para denunciar unha suposta fraude para perpetuar a Alexander Lukahsenko no poder.

Ao respecto, o presidente do Consello Europeo, Charles Michel, escribiu no Twitter: "A violencia contra os manifestantes non é a resposta. Débese respectar a liberdade de expresión, de reunión e os Dereitos Humanos fundamentais".

Desde Bruxelas, acúsase a Lukashenko de ser "o último ditador" de Europa, tras 26 anos á fronte da ex república soviética, onde se mantén como un importante aliado de Rusia.

"Agardo que a súa actividade estatal contribúa a un maior desenvolvemento das relacións ruso-bielorrusas mutuamente beneficiosas en todas as áreas", sinalou ao respecto na segunda feira o presidente ruso, Vladimir Putin, segundo recolle Sputnik. 

Ademais, avogou por afondar no proceso de integración rexional no marco da Unión Económica Euroasiática e da Comunidade de Estados Independentes, "así como nos vínculos políticos e militares na Organización do Tratado de Seguridade Colectiva".

Tamén desde a China, o presidente, Xi Jinping, trasladou a súa "calorosa felicitación e os mellores desexos" a Lukashenko, indicando que está preparado para seguir avanzando nas relacións bilaterais, que "valora altamente", de acordo coa axencia de noticias Xinhua.

"Non haberá Maidan"

A oposición leva meses denunciando o acoso e encarceramento de varios dos seus representantes e líderes políticos. O último  produciuse o sábado, cando a Policía detivo a xefa de campaña de Tijanovskaya, Maria Kolesnikova. 

Pola súa banda, os partidarios de Lukashenko ─que na segunda feira defendeu a actuación policial na represión das protestas, avisando de que "non haberá un Maidan", en alusión ás manifestación que derrocaron o Goberno de Viktor Yanukovich en Ucraína─ consideran que o Goberno dos Estados Unidos está a incitar a outra das coñecidas como "revolucións de cores".

Comentarios