sábado 04/12/21

UE: as cifras da vergoña na crise de persoas refuxiadas

Os 28 non cumpren cos compromisos adquiridos en materia de acollemento. O Estado español, entre os que peores cifras amosa. 

REFUXIADOS

Desde que a crise de persoas refuxiadas petou ás portas de Europa, os Estados membros da UE asumiron unha serie de compromisos para atender as solicitudes de asilo político presentadas por milleiros de persoas que fuxen da guerra e da miseria. O primeiro destes foi en xullo de 2015 cando se comprometeron a acoller de maneira urxente 22 mil persoas procedentes de terceiros países, principalmente Xordania, Turquía e Líbano. 

A UE acolleu até o momento 5.677 persoas das 22 mil que dixo asumir en xullo de 2015

Segundo recoñeceu o comisario europeo de Inmigración e Interior, o grego  Dimitris Avramopoulos, a UE acolleu até o momento 5.677 persoas como parte dese programa, maioritariamente por parte de Reino Unido (1.864), Austria (1.395) e Dinamarca (481). O Estado español non acolleu nen unha soa persoa solicitante de asilo como parte deste programa embora correspondérenlle 1.500.
 
Informe CEEn setembro de 2015 o compromiso de reasentamento asumido pola UE era de 160 mil persoas procedentes de Grecia e Italia, os territorios que están a asumir, pola súa posición xeográfica, a presión das chegadas desde hai dous anos. No que vai de tempo, sete meses, foron reubicadas 1.145 persoas. Así o recolle o segundo informe de avaliación publicado pola Comisión europea

O Estado español apenas reasentou 18 persoas refuxiadas procedentes de Italia, ningunha de Grecia. O compromiso asinado era de 8.023

Neste senso, durante o último mes --cumpre lembrar que a primeira avaliación da Comisión foi en marzo-- só foron reubicadas 208 persoas. De novo, o Estado español continúa sen cumprir os seus. Das 8.023 persoas que lle correspondían só acolleu 18, todas procedentes de Italia, ningunha de Grecia. No último mes non asumiu ningunha. 

Entretanto, o número de persoas que chegan ás costas gregas e italianas non cesa, embora reducirse a respeito dos pasados meses. No que vai de ano chegaron a Grecia 153,156 persoas mentres que Italia recibiu 19, 930 de acordo coas cifras fornecidas pola Organización Internacional para as Migracións. 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

UE: as cifras da vergoña na crise de persoas refuxiadas
comentarios