A UE cede ante EUA e conxela a ‘taxa google’

O anuncio coincide coa visita da secretaria do Tesouro de Estados Unidos a Bruxelas.

Sede de Google (Foto: Europa Press).

Finalmente a Unión Europea accede ás pretensións de Estados Unidos e aparca a aplicación da coñecida como ‘taxa google’, imposto ás plataformas dixitais. A UE realizou esta anuncia esta segunda feira, coincidindo coa visita a Bruxelas da secretaria do Tesouro de Estados Unidos, Janet Yellen. Este imposto xa se instaurou nalgúns estados da UE, como español ou francés.

A decisión chega poucos días despois do acordo no seo do  G20 para aplicar un tipo mínimo global do 15% ás multinacionais para evitar a  elusión fiscal. "O éxito deste proceso requirirá un empurrón final de todas as partes, e a Comisión Europea está comprometida a se centrar neste esforzo. Por iso decidimos deter o noso traballo para unha proposta tributaria dixital", sinalou un portavoz comunitario en declaracións recollidas por Radio  France  International, que destaca que a taxa Google europea, coa que Bruxelas buscaba provocar un acordo global respecto a a fiscalidade dixital, foi branco das críticas de Washington.

A oposición a esta taxa da UE por parte de EUA deuse tanto con Trump como con Biden.

En febreiro de 2020, o Goberno español aprobaba as taxas Google e Tobin. O Imposto sobre Determinados Servizos Dixitais (a taxa Google) gravará, anunciaba entón o Executivo estatal, as empresas que teñan ingresos anuais totais de 750 millóns de euros ou superiores e con ingresos no Estado español que suban dos 3 millóns de euros.

Non haberá "discriminación en función de nacionalidade ou tipo de empresa", decía a ministra Montero, e garantiu que as pemes non pagarán o imposto

Empresas como Apple, Google, Facebook ou Amazon pagaron polos seus beneficios no Estado español durante 2019 unha cantidade inferior ao Imposto sobre Sociedades que aboou a empresa con menor capitalización do IBEX 35.  

Comentarios