'Carpetazo' á batalla xudicial de Junqueras polo seu escano

O alto tribunal europeo dá a razón á Eurocámara após acordar que o escano correspondente ao líder de ERC quedaría baleiro, acatando a decisión amparada no Dereito español.
O presidente de ERC, Oriol Junqueras. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente de ERC, Oriol Junqueras. (Foto: Europa Press)

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea desestimou esta quinta feira o recurso de casación presentado pola defensa do líder de ERC e ex vicepresidente da Generalitat, Oriol Junqueras, contra a decisión do entón presidente do Parlamento europeo, o socialista italiano David Sassoli, de declarar vacante o seu escano como eurodeputado. A Xustiza europea avala así a primeira decisión do Tribunal Xeral da UE, que xa considerara inadmisíbel un primeiro recurso de Junqueras en decembro de 2020 ao concluír que Sassoli non fixo máis que transmitir ao resto da Eurocámara información sobre unha situación xurídica preexistente, derivada exclusivamente das decisións das autoridades españolas.

Aliás, a sentenza reitera que o procedemento electoral segue rexéndose polo Dereito nacional non só no que se refire ás normas de votación e atribución de mandatos, senón tamén no que se refire á elixibilidade dos membros da Eurocámara. Junqueras foi elixido eurodeputado nas eleccións ao Parlamento Europeo de maio de 2019, pero, ao non obter permiso para acudir a xurar ou prometer acatar a Constitución española como exixe a normativa estatal, o seu escano foi declarado vacante pola Xunta Electoral Central.

Na sesión plenaria de xaneiro de 2020, o presidente da Eurocámara informou o resto da Cámara da elección de Junqueras como eurodeputado a efectos do 2 de xullo de 2019, pero tamén de que o seu escano quedaba vacante a partir do 3 de xaneiro de 2020, como consecuencia de que o Tribunal Supremo estimase que o líder independentista non gozaba de inmunidade parlamentaria en virtude do Dereito español e por tanto non procedía autorizar o seu desprazamento nin acordar a súa liberdade.

Neste contexto, o Tribunal con sede en Luxemburgo razoa que o Tribunal Xeral non cometeu un erro ao considerar o Dereito estatal como base xurídica da decisión da Eurocámara do 13 de xaneiro de 2020, e aclara que a expiración do mandato de deputado europeo como consecuencia dunha condena penal no Estado español constitúe un caso de "anulación de mandato" e non unha "incompatibilidade", dado que non resulta do incumprimento da prohibición de acumular determinadas funcións.

A respecto da marxe de apreciación de que dispón o Parlamento europeo sobre as consecuencias dunha anulación de mandato que ten a súa orixe na lei estatal, o TXUE insiste en que a institución europea simplemente será informada polas autoridades españolas da expiración do mandato en aplicación dese Dereito.

Por iso, explica a sentenza, o procedemento electoral segue rexéndose polo Dereito estatal e subliña que, en contra os argumentos de Junqueras, este procedemento non se refire unicamente ás normas de votación e de atribución dos mandatos, senón tamén ás normas relativas á elixibilidade dos membros do Parlamento.

Diso dedúcese que a inelixibilidade que deu lugar á anulación do mandato do líder de ERC en aplicación da Lei electoral española forma parte do "procedemento electoral" rexido polo Dereito estatal, cuxo respecto non corresponde controlar ao Parlamento.

Finalmente, sobre a impugnación dos fundamentos de Dereito mediante os que o Tribunal Xeral declarou a inadmisibilidade do primeiro recurso, a alta corte europea estima que a argumentación de Junqueras é inadmisíbel e debe desestimarse por inoperante porque non permite cuestionar a conclusión de primeira instancia segundo a cal o recurso interposto para obter a anulación da denegación da solicitude do 20 de decembro de 2019 ía dirixido contra un acto inexistente.

Comentarios