A UE autoriza o uso da forza militar no Mediterráneo

Desenvolverá accións militares en augas territoriais libias a partir de outubro contra o "tráfico de persoas" que inclúe a abordaxe das embarcacións e a detención de tripulantes.

Frontex
photo_camera [Imaxe Frontex]

UE Navfor Med é o nome co que os 28 Estados Membros bautizaron a operación militar que desenvolven no Mar Mediterráneo desde o pasado mes de xullo. Neste senso, un acordo adoptado esta segunda feira --horas antes do encontro entre @s representantes de Interior da UE-- autorizará o despregamento e uso de forza militar contra embarcacións que sexan sospeitosas de conducir persoas de maneira "ilegal" através do Mediterráneo e mesmo a proceder á súa detención. 

A medida entrará en vigor a comezos do mes de outubro á espera de que as autoridades europeas reciban o visto e prace das Nacións Unidas e a autorización do goberno libio. Nesta terceira fase incorporaranse á operación militar xa en curso 7 fragatas suplementarias, helicópteros, submarinos e drones. Aliás, incorporará militares pertencentes ás forzas especiais cuxo obxectivo será asaltar as pateras e barcos. 

Segundo fontes diplomáticas recollidas por Telesur, Franza, Italia, Reino Unido e o Estado español xa confirmaron que contribuirán á operación con barcos de guerra. De igual maneira, Polonia e Eslovenia achegarán avións de vixianza ou helicópteros. 

"Esta é a única vía que lles deixamos para fuxir"

"Se hai traficantes é porque hai persoas coas que traficar"

En conversa con Sermos Galiza desde Médicos Sen Fronteiras denunciaban terse visto na obriga de despregar unha misión de "búsqueda e resgate" de persoas no Mediterráneo perante a decisión da UE de mudar a operación Mare Nostrum pola Tritón, dirixida ao "control fronteirizo" mais non ao salvamento. 

"Esta é a única vía que lles deixamos para fuxir", sinalaba en conversa con este medio Carmen Escalante de MSF, a respeito dos milleiros de persoas que arriscan as súas vidas no Mediterráneo tentando escapar da guerra e a fame. "A xente cruza porque está desesperada", "se hai traficantes é porque hai persoas coas que traficar". 

No que vai de ano, segundo os dados achegados pola Organización Internacional para as Migracións (OIM) máis de 350 mil persoas tentaron cruzar o Mediterráneo para chegar a costas europeas procedentes na súa maioría de Libia. Máis de 3 mil morreron. 

Comentarios