A UE aposta nunha solución "de dous Estados" para Palestina

Os 28 Estados membros afirman posuír un "interese estratéxico" na resolución do confronto e defenden o recoñecemento do Estado palestino embora países como Alemaña, Holanda e Dinamarca rexeitaren tal decisión. 

aunioneuropea

"A situación insostíbel en Gaza, o recente aumento da violencia en Xerusalén e o deterioro do contexto rexional subliñan a necesidade dunha paz abranguente" que dea cumprimento "ás lexítimas reivindicacións de ambas as dúas partes, incluíndo a seguridade para os israelenses e as de palestinianos para un Estado". 

Nestes termos se pronunciou o 17 de novembro o Consello europeo de Relacións Exteriores através dun comunicado de imprensa após a xuntanza na que os 28 Estados membros abordaron o conflito en Palestina. A Unión Europea presentouse "disposta" a "desenvolver un papel importante" na resolución do confronto e a participar "activamente" no que considera un "interese estratéxico"

A organización internacional deu desta maneira un paso adiante a respeito da política exterior e aposta nunha solución "de dous Estados". Neste senso, boa parte dos territorios que integran a UE recoñecerían un Estado palestino --como fixo Suecia-- embora algúns dos Estados membros con maior peso non o farán --no concreto Alemaña, Holanda e Dinamarca. 

"Non existe unanimidade no recoñecemento de Palestina, mais hai acordo en traballar intensamente nun proceso de paz", sinalou Laurent Fabius, ministro francés de Exteriores á saída da xuntanza. 

Os 28 concordan en elevar o ton contra a política colonialista israelita e tamén contra a súa represión na Faixa de Gaza que, lembran, é contraria ao "dereito internacional" e o "dereito comunitario". Porén, a UE non visa en ningún caso rachar as súas relacións comerciais preferentes co Estado de Israel, embora revisar de maneira máis exhaustiva que os produtos non proveñan das colonias. 

"O recoñecemento de Palestina é unha decisión de cada Estado"

En realidade, o xiro na actitude europea a respeito do conflito en Palestina é o resultado dos movementos internos das súas partes. Neste senso, após Suecia recoñecer o Estado palestino, o Parlamento británico e o Senado irlandés aprobaron senllas resolucións no mesmo sentido. Aliás, Francia debaterá no Congreso a finais de novembro esta cuestión e o Estado español esta terza feira. 

"Ou facemos algo con certa rapidez" ou "a solución dos dous Estados será mesmo fisicamente imposíbel", sinalou García-Margallo

"O recoñecemento de Palestina é unha decisión de cada Estado, mais queremos comezar a dar respostas comúns e a camiñar de acordo co que os Estados decidan", sinalou Federica Mogherini, recentemente eleita alta representante para a Política Exterior. 

Esta actitude supón un avanzo para a causa palestiniana que foi recoñecida como Estado observador polas Nacións Unidas en 2012 e a finais de 2011 pola Unesco. 

A aposta nos dous Estados --apoiada polo Goberno español-- constitúe unha reacción "de urxencia", en palabras do ministro de Asuntos Exteriores, perante o que tildan como un "acto" de responsabilidade coa rexión toda vez que "o tempo está esgotándose", alertou Margallo. "Ou facemos algo con certa rapidez" ou "a solución dos dous Estados será mesmo fisicamente imposíbel" pola división "en dous" de Cisxordania froito do incremento das colonias israelitas

Comentarios