A UE aposta por adestrar os soldados do Exército ucraíno

Gazprom reduce a subministración a Francia o mesmo día que os ministros de Defensa da UE dan os primeiros pasos para adestrar as forzas militares de Kíiv.
Josep Borrell. (Foto: Juan Manuel Serrano Arce / Europa Press)
photo_camera Josep Borrell. (Foto: Juan Manuel Serrano Arce / Europa Press)

A Unión Europea (UE) comeza o “traballo preparatorio” para definir “os parámetros legais e operativos” dunha misión de adestramento do Exército ucraíno, comunicou esta terza feira o Alto representante para a Política Exterior do bloque comunitario, Josep Borrell.

Esta medida foi acordada nunha reunión dos titulares dos Ministerios de Defensa dos Estados membros, que procuran ser “rápidos e ambiciosos”, sinalou Borrell, que subliñou que esta proposta podería ser especialmente útil para “adestramento de alto nivel, organizar a loxística, sanidade militar  ou brindar protección contra armamento nuclear”. Amais, membros como Alemaña, Bélxica ou o Estado español xa se ofreceron para acoller estes exercicios.

Restricións aos rusos

Hoxe, as e os ministros de Defensa abordarán a proposta dos países bálticos de restrinxir a entrada de cidadáns rusos, como reclamara Ucraína. Arredor desta cuestión, Dmitri Peskov, voceiro do Kremlin, salientou onte que “este conxunto de irracionalidade, ao bordo da tolemia, lamentabelmente permite que estas decisións sexan discutidas”, pouco despois de que medios rusos informaran de que Finlandia está a confiscar os euros en efectivo das persoas rusas que regresan ao seu país.

Amais, a CNN fixo público que xa se atopa en Kíiv o equipo do Organismo Internacional de Enerxía Atómica que visitará esta semana a central nuclear de Zaporiyia, encabezado polo director xeral, Rafael Grossi.

As autoridades de Energodar, a localidade na que se sitúa a planta controlada desde marzo por Rusia, volveron denunciar onte novos bombardeos das Forzas Armadas ucraínas en contra da central, nesta ocasión con artillería de gran calibre. Malia que Ucraína insiste en que son as propias tropas rusas as que atacan a planta, un alto funcionario do Pentágono recoñeceu que a responsabilidade é de Kíiv.

Redución do gas a Francia

No que atinxe á situación enerxética, a rusa Gazprom notificou onte á francesa Engie que con efecto inmediato reduciu a subministración de gas natural ao país por desacordos sobre a aplicación dalgúns contratos.

Asemade, as autoridades búlgaras anunciaron que están en conversas con Gazprom para reactivar as importacións de gas natural que quedaran freadas en abril, ao negarse Sofía a pagar en rublos, como exixiu Moscova en resposta ás sancións da UE.

Comentarios