A UE acorda restrinxir a obtención de visados á cidadanía rusa

O prezo do visado duplicarase, e a documentación exixida será maior.
O alto representante da UE
photo_camera O alto representante da UE para Asuntos Exteriores, Josep Borrell. (Foto: Europa Press)

Os ministros de Exteriores dos Estados que integran a Unión Europea (UE) acordaron esta cuarta feira restrinxir a obtención de visados á cidadanía rusa que queira acceder ao territorio comunitario, mais non prohibir totalmente a súa entrada.

Desta maneira, a UE suspende o acordo acadado con Rusia en 2007 para facilitar a expedición de visados á poboación do país euroasiático. Con esta decisión, que aínda debe ser aprobada definitivamente polos organismos europeos, o proceso será moito máis lento e custoso para a poboación rusa.

O prezo para obter o permiso de entrada e estancia por 90 días pasará dos 35 euros actuais aos 80 pactados polos titulares da carteira de Exteriores na Unión Europea. Aliás, a cantidade de documentación exixida pola UE para poder acceder será maior.

O encargado de anunciar esta decisión foi o alto representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores, Josep Borrell, na rolda de prensa posterior á xuntanza dos ministros na cidade de Praga, na República Checa.

Diferentes posturas na reunión

Durante a reunión dos ministros de Exteriores dos Estados membros da UE, confirmouse a existencia de dous bloques ben diferenciados, que apostaban pola supresión parcial ou total da expedición de visados á poboación rusa.

Por unha parte, un grupo de países encabezado por Alemaña, Francia e o Estado español, opúxose a impedir de maneira integra a entrada de cidadáns e cidadás de Rusia. O argumento dado por este bloque é que a decisión afectaría a unha gran parte da sociedade rusa que está “en contra da invasión”.

O outro bloque, entre os que destacan Polonia, Estonia, Letonia Lituania ou a propia República Checa, exixía que Bruxelas adoptase os mesmos mecanismos que están adoptando nos seus territorios, prohibindo unilateralmente o acceso de poboación rusa cun visado de turista.

Borrell, que antes do encontro asegurara que a UE non podía “aparecer desunida” nesta cuestión, explicou que finalmente os ministros de Exteriores decidiron adoptar unha solución intermedia. Porén, os países Bálticos poderán tomar outras medidas, sempre que estean en conivencia co código de fronteiras Schengen, para restrinxir a entrada na Unión Europea a través das súas fronteiras.

Comentarios