A UDEF di que o PP pagou en negro parte da reforma da sede

A declaración dos policías da Unidade de Delincuencia Fiscal e Económica que investigaron a reforma da sede do PP detallaron como a formación política estatal pagou cos cartos da caixa B parte das reformas de 6 das 7 plantas da súa sede na rúa Xénova (Madrid).
Imaxe recente da sede estatal do PP, na rúa Xénova de Madrid. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press / Pool / AFP7)
photo_camera Imaxe recente da sede estatal do PP, na rúa Xénova de Madrid. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press / Pool / AFP7)
O PP pagou en negro parte da reforma da súa sede na rúa Xénova de Madrid. Esta é a conclusión de Manuel Morocho, ex inspector xefe da Unidade de Delincuencia Fiscal e Económica.

Esta quinta feira, 15 de abril, segundo día de declaración na Audiencia Nacional das e dos axentes que investigaron o pago de parte das obras coa caixa B do PP, Morocho detallou como da reforma entre 2005 e 2010 das sete plantas das que consta a sede, só un dos andares -o sexto-, se pagou legalmente. Xa no comezo, en 2006, das obras da planta baixa, o segundo espazo da sede que se remodelou, o PP aplicou un novo sistema de facturación duplicando as facturas “co fin de dar soporte á operativa que se ía facer”, indicou Morocho.

Ademais, emitíronse dúas certificacións de obra con distinto importe, apuntou o ex inspector xefe da UDEF. Para pagar a diferenza entre elas e despois de aplicarlle un desconto arredor do 8% que conviñeran entre a construtora e o PP, o partido aboou 184.000 euros procedentes da caixa B que Luis Bárcenas anotou en novembro de 2006 co concepto "arquitecto Gonzalo Urquijo". Urquijo era o director xeral de Unifica na península, a empresa encargada de deseñar e executar a reforma do edificio da rúa Xénova de Madrid.

Despois deste pago aínda quedaban pendentes 480.000 euros, que foron ingresados na conta da empresa, mais que non se atopan nin na contabilidade oficial nin na paralela do PP.

A reforma do segundo, terceiro, cuarto e quinto andar do edificio seguiron o mesmo patrón, revelou Morocho, facendo dúas certificacións con distinto prezo, un máis baixo sobre o cal Unifica emitía a factura, e outro co prezo real da reforma, a diferenza entre elas "pagouse en efectivo".

Baixo distintos nomes como Gonz. Urquijo, Gonzalo (Arquitecto) ou G.U., rexistráronse os pagos desde a caixa B que xestionaba o daquela tesoureiro do PP, Luis Bárcenas. 195.000 euros en xaneiro de 2008, 258.000 en marzo, 235.000 en xuño e 200.000 en decembro.

Só restaba unha planta por rematar, a sétima, a súa reforma comezou en 2009, ano que Bárcenas foi imputado polo caso Gürtel e deixou a súa responsabilidade como tesoureiro do PP.

Para o último piso, Morocho detallou como o PP aplicou un novo sistema. Unifica comeza a “emitir un conxunto de orzamentos polas obras executadas” xunto a varios bloques de facturas. Para pagar ese andar chegaron a emitirse até 22 facturas.

Comentarios