Ucraína recoñece que bombardeou a central nuclear de Zaporiyia

O G7 acusa Rusia de incrementar o risco nuclear.
Central nuclear de Zaporiyia. (Foto: Víctor / Xinhua News / Contactophoto)
photo_camera Central nuclear de Zaporiyia. (Foto: Víctor / Xinhua News / Contactophoto)

O Organismo Internacional de Enerxía Atómica (OIEA) vén de confirmar que Ucraína asumiu a autoría dos bombardeos da pasada sexta feira e do sábado contra a central nuclear de Zaporiyia, a máis grande do continente, e que está controlada desde comezos de marzo por tropas rusas.
Kíiv comunicou que o último "incidente de bombardeo" causou algúns danos na zona da instalación de almacenamento de combustíbel usado, amais de matar un garda de seguridade ucraíno, un día despois do ataque que afectara o sistema de subministración de enerxía externa da planta.

Baseada nestes datos, a OIEA sinala que "non hai ningunha ameaza inmediata para a seguridade nuclear". Nese sentido, Moscova continúa a reclamar que os expertos da entidade acudan á central a avaliar a situación, e solicitou á Organización das Nacións Unidas que non interfira.
Amais, a voceira do Ministerio de Asuntos Exteriores, Maria Zajarova, fixo fincapé en que envían información actualizada e que as circulares da OIEA "desvelan de modo claro as accións criminais das Forzas Armadas ucraínas, cuxa Comandancia perdeu definitivamente a capacidade de pensar racionalmente".

Evitar accións militares

O director xeral da OIEA, Rafael Mariano Grossi, apuntou que estes ataques "incumpren varios dos alicerces indispensábeis de seguridade nuclear", así como que "calquera acción militar que poña en perigo a seguridade da central nuclear é completamente inaceptábel e debe evitarse".

Malia o recoñecemento das autoridades ucraínas, o G7 -foro que agrupa Alemaña, o Canadá, os Estados Unidos, Francia, Italia, o Xapón e o Reino Unido- acusou Rusia de "pór en risco a rexión" por controlar a planta nuclear, e pediu que abandone as instalacións "inmediatamente".

Reactívase o oleoduto fechado

No que respecta ao corte no oleoduto que leva o petróleo ruso a Hungría, Chequia e Eslovaquia o 4 de agosto, interrompido por Ucraína aludindo que as sancións da Unión Europea a Rusia non lle permitían aceptar o pago da rusa Transneft polo tránsito, Moscova sinalou que Kíiv confirmou a reactivación da infraestrutura.

O acordo para desbloquear a situación foi transmitido pola eslovaca Slovnaft, que afirmou que as refinarías de Budapest e Bratislava serán as encargadas de pagar polo tránsito a Ucraína.

Comentarios