Ucraína denuncia o achado de fosas comúns na cidade de Izium

Rusia aínda non respondeu as acusacións de Volodomir Zelenski.

Volodimir Zelenski, durante a súa visita con militares a Izium. (Foto: Europa Press)
photo_camera Volodimir Zelenski, durante a súa visita con militares a Izium. (Foto: Europa Press)

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, afirmou na noite da quinta feira que o exército ucraíno descubriu varias fosas comúns nos arredores da cidade de Izium, na zona de Khárkiv.

O dirixente ucraíno detallou que xa se “iniciaron as accións procesuais necesarias”, ao tempo que explicou que haberá unha convocatoria de xornalistas ucraínos e internacionais para que presencien o estado da cidade.

Neste sentido, Zelenski comparou a cidade de Izium con Mariúpol e Bucha, onde o Goberno de Kíiv xa denunciara “matanzas” cometidas polos soldados rusos durante o transcurso do conflito bélico.

“Queremos que o mundo saiba o que está ocorrendo realmente e a que conduciu a ocupación rusa. Rusia deixa morte por todas partes, e debe render contas por isto”, manifestou o presidente de Ucraína, que a pasada cuarta feira estivo precisamente de visita en Izium, xunto con membros do exército ucraíno.

O Kremlin defende a ofensiva militar

Polo de agora, o Goberno ruso non respondeu ás acusacións de Volodimir Zelenski. O presidente de Rusia, Vladimir Putin, atópase en Samarcanda, en Usbequistán, onde se reuniu co seu homólogo chinés, Xi Jin Ping, nun cumio internacional.

O Kremlin afirmou esta semana que as garantías de seguridade que reclama Ucraína como paso previo á procura dunha solución negociada á guerra supoñen "unha ameaza" para a seguridade de Rusia, motivo polo que defendeu a necesidade de manter a ofensiva militar.

"Ninguén oculta que teñen en mente que Ucraína se una á OTAN, iso segue aí", dixo o portavoz da Presidencia rusa, Dimitri Peskov. "Só este país [Ucraína] debería adoptar medidas que eliminen a ameaza a Rusia”, engadiu.

Comentarios