Ucraína celebra o Día nacional no sexto mes da intervención rusa

Os EUA anuncian un novo envío de armas a Kíiv no día que celebran a separación da Unión Soviética, que coincide co sexto mes desde que Rusia entrou no conflito.

Volodimir Zelenski, presidente ucraíno. (Foto: Presidencia de Ucraína)
photo_camera Volodimir Zelenski, presidente ucraíno. (Foto: Presidencia de Ucraína)

Coa condecoración de diversas persoas que contribuíron á defensa do territorio, o presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, conmemorou esta cuarta feira a separación da Unión Soviética hai 31 anos, pedindo á poboación que continúe a facer fronte á “máis terríbel ameaza”, en referencia á entrada de Rusia hai seis meses no conflito militar que vive o país desde o golpe de Estado de 2014.

“A nosa bandeira nacional converteuse nun símbolo mundial de valentía”, ratificou o mandatario, acompañado polo primeiro ministro británico, Boris Johnson, que anunciou desde Kíiv un novo paquete de axuda militar de 64 millóns de euros, antes de ser substituído á fronte do Reino Unido a comezos de setembro.

Pola súa parte, Joe Biden, presidente dos Estados Unidos, aproveitou para anunciar un novo paquete de axuda militar de case 3.000 millóns de euros, que inclúe sistemas de defensa aérea, de artillería, drons, radares e municións, definindo Ucraína como “un Estado democrático, independente, soberano e próspero nas vindeiras décadas”, precisamente cando estudos de opinión salientan que apenas a metade da poboación estadounidense está disposta a manter até as últimas consecuencias o apoio a Kíiv.

Con este novo paquete, a axuda militar de Washington ao país eslavo supera os 10.000 millóns de euros.

No que atinxe á Unión Europea, a presidenta do Executivo comunitario, Ursula von der Leyen, reiterou que manterán a longo prazo as axudas a Kíiv e destacou a loita por “defender a liberdade perante unha agresión brutal”. Tamén a Organización do Tratado do Atlántico Norte reiterou que “continuaremos xunta Ucraína o tempo que sexa preciso”.

A resposta de Rusia chegou da man do ministro de Defensa, Sergei Shoigu, que indicou que a “operación militar especial” para “desnazificar” o país marcha “de acordo co plan”, asegurando que “as unidades militares ucraínas están violando as normas internacionais e actuando como terroristas”, poucos días despois do asasinato de Daria Dugina, filla do filósofo Alexander Dugin, da que acusan os servizos secretos de Kíiv.

Onte mesmo, o Papa condenou a súa morte e sinalou que “os inocentes están pagando a tolemia das partes”.

Amais, RT difundiu onte imaxes da central nuclear de Zaporiyia, bombardeada en varias ocasións por Ucraína, desvelando os rastros dos ataques de artillería á planta, a máis grande de Europa e a terceira do mundo.

Comentarios