Ucraína afirma repeler ataques rusos no Donbás

As Forzas Armadas de Ucraína afirmaron esta cuarta feira ter repelido varios ataques das forzas rusas no Donbás. O xornal 'The New York Times' evidencia o uso ucraíno de bombas de acio en contraofensivas para repeler o avance ruso.
Os Estados Unidos de América, Rusia e Ucraína non se atopan entre os case 100 Estados asinantes do Tratado contra as bombas de acio. (Foto: Aick)
photo_camera Os Estados Unidos de América, Rusia e Ucraína non se atopan entre os case 100 Estados asinantes do Tratado contra as bombas de acio. (Foto: Aick)

As Forzas Armadas de Ucraína afirmaron esta cuarta feira ter repelido varios ataques das forzas rusas para tomar as localidades de Rubizhne e Severodonetsk, situadas no Donbás, na rexión de Luhansk, mais non baixo o control da República Popular homónima.

Así mesmo, o Estado Maior do Exército ucraíno incidiu en que Rusia "está a tentar continuar as súas operacións ofensivas na Zona Operacional Leste para lograr o control total das rexións de Donetsk e Luhansk".

A máxima institución do Exército de Ucraína agregou que en dirección a Donetsk e Tavriya, as forzas rusas "seguen atacando as liñas de fronte e buscando puntos débiles na defensa en toda a liña de contacto".

"Os combates continúan en áreas de Kreminna, Torske e Zelena Dolyna", sinalaron os representantes do Estado Maior ucraíno, ao tempo que afirmou que o Exército ruso "se reagrupa para atacar en dirección a Lyman".

Bombas de acio

A organización non gobernamental Human Right Watch (HRW), con sede en Nova York, apuntou a comezos de marzo que as forzas rusas terían empregado bombas de acio na invasión de Ucraína. 

Porén, nun artigo titulado 'Para facer retroceder as tropas rusas, Ucraína golpea unha aldea con bombas de acio', o xornal The New York Times publicou evidencias despois dunha visita á área de Husarivka que apuntan que as bombas de acio atopadas neste lugar foron "lanzadas polas tropas ucraínas que intentaban retomar a área". 

As bombas de acio de Husarivka "non foron disparadas por forzas rusas", afirmaron esta semana os xornalistas do rotativo estadounidense Thomas Gibbons-Neff e John Ismay. Diante desta información, HRW laiouse polo comportamento das forzas ucraínas.

Case 100 gobernos de todo o mundo asinaron o 3 de decembro de 2008 o Tratado contra as bombas de acio, co que se comprometeron a desterrar o seu uso. Os Estados Unidos de América, Rusia e Ucraína non se atopan entre os Estados asinantes.

Comentarios