Twitter e Facebook fechan 359 contas falsas vinculadas ao PP por “manipulación” durante as eleccións

O PP nega calquera conexión cos perfís falsos que empezaron a emitir contidos semanas antes das votacións do 28A.
 
[Imaxe: pp.es] García Egea, Casado e Álvarez de Toledo.
photo_camera [Imaxe: pp.es] García Egea, Casado e Álvarez de Toledo.

Esta sexta feira, a empresa Twitter anunciou que fechou 259 contas falsas na rede social, "operadas por el Partido Popular", que tiñan como obxectivo “amplificar a súa mensaxe electoral”. Trátase de contas fantasma que a compañía considera que incumpren as normas da rede para evitar a “manipulación”. Alertada por Twitter, Facebook eliminou tamén a sexta feira 65 contas, e outras 35 en Instagram (que pertence a mesma compañía) , segundo informacións aparecidas en diversos medios madrileños.

Tanto Twitter como Facebook foron precisos á hora de sinalar ao PP. “A nosa investigación atopou vínculos a individuos asociados co Partido Popular”, asegurou Facebook; mentres Twitter ofreceu datos sobre o ritmo de creación de perfís falsos que chegou a sesenta cada día un mes antes das eleccións xerais, e que tiña a función de enviar spam “ou rechiar para aumentar a interacción”, en particular, das contas oficiais do PP e de Pablo Casado. A maioría dos hashtags utilizados por estas contas coincidían cos habituais do PP nese período: #PedroSeLoFunde, 3NiObreroNiEspañol ou #PrisiónPermanenteRevisable.

Twitter informou que leva suspendidas máis de 10.000 contas en todo o mundo por incumprir as normas contra a manipulación e tratar de favorecer a unha formación política ou determinados movementos sociais. Ademais, no Estado español, tamén Twitter ten sinalado a ERC por estas prácticas.

Este sábado, preguntado polas afirmacións de Twitter e Facebook, o secretario xeral do PP, Teodoro García, dixo que o seu partido “sempre deu a cara en Internet e na rúa, porque estamos aquí para servir ao cidadán”.

Comentarios