Turquía xoga coa ameza de volver abrir as fronteiras aos refuxiados

Os medios gregos informaron da chegada dunhas 6.000 persoas migrantes e refuxiadas ao paso de Evros. O movemento chega poucos días despois de que a UE reiterara a Turquía que debe parar as prospeccións petrolíferas en augas de Chipre e de Grecia
EuropaPress_2687584_handout_03_march_2020_greece_evros_kyriakos_mitsotakis_2nd_greek_prime
photo_camera Os principais representantes das institucións comunitarias chegan a Evros durante a crise de marzo (Dario Pignatelli / dpa)

"Non hai confirmación dun plan organizado" por parte de Turquía de enviar persoas migrantes á fronteira con Grecia, segundo manifestou onte á canle de televisión SKAI o viceministro de Inmigración e Asilo grego, Giorgos Koumoutsakos.

A intervención chegou horas despois de os medios de comunicación gregos informaren de que unhas 6.000 persoas migrantes e refuxiadas chegaran en buses ao paso de Evros. Unha situación que recorda á crise migratoria de marzo, cando Ankara abriu as portas para que miles de persoas puidesen transitar cara á UE.

Koumoutsakos, non obstante, quixo restarlle importancia a este feito e asegurou que se trata dun acto de "mobilidade espontánea" que xa acontecera noutras ocasións e que, en calquera caso, os axentes de fronteiras "están preparados para xestionar calquera actividade ilegal". No paso de Evros hai despregados máis de 1.500 efectivos da Policía grega, alén doutros 300 adicionais da Axencia Europea da Garda de Fronteiras e Costas (Frontex). 

As palabras de Koumoutsakos, con todo, contrastan co publicado polos medios gregos, citando a canle de televisión local turca Entirne TV, que sinalaba que na cidade de Edirne (Adrianópole), "a viaxe da esperanza para Europa regresa cos migrantes tentando cruzar a fronteira con Grecia en barca a través do río Evros".

Gas e cru no Mediterráneo

Estes movementos chegan poucos días despois de que a UE reiterara a Turquía que debe parar as prospeccións petrolíferas en augas de Chipre e de Grecia. Este é un tema recorrente nas conversas entre Bruxelas e Ankara para redefinir a súa relación. A posibilidade de estabelecer sancións planeou máis dunha vez por riba da mesa de negociación, mais o medo da Comisión a que se repita unha nova crise migratoria mantena afastada polo momento.

De feito, estas conversas bilaterais estabelecéronse tras os acontecementos de marzo na fronteira greco-turca. Turquía é a principal ruta para migrantes e refuxiados que buscan chegar á UE, especialmente desde o inicio da guerra en Siria en 2011. Na actualidade alberga case catro millóns de cidadáns sirios fuxidos do conflito, o país con maior número de refuxiados do mundo. 

Ankara comprometeuse en 2016 con Bruxelas a frear o seu tránsito cara á UE a cambio dunha cantidade de diñeiro. O incumprimento dos pagos desatou a última crise, co Goberno turco xogando a carta da crise migratoria como forma de presión. Neste sentido, a Comisión aprobou na cuarta feira o avance dun pago de 485 millóns de euros a Turquía, con cargo a 2020 ─ademais de 100 millóns adicionais para Xordania e o Líbano─.

"Creo que a única forma de resolver este tipo de asuntos é tratalos con Turquía para que entenda que as nosas boas relacións dependerán do respecto á soberanía de Chipre e de Grecia e das augas baixo disputa", sinalou na terza feira o xefe da diplomacia europea, Josep Borrell.

Turquía e o Goberno de unidade de Libia ─recoñecido pola ONU─ asinaron en novembro de 2019 un acordo sobre extracción de gas e fronteiras marítimas, que transcorren perto da illa grega de Creta. Ademais, Atenas e Ankara sufriron un aumento da tensión por mor das exploracións de gas fronte á costa oriental de Chipre, na parte turca da illa.

A inicios desta semana as autoridades gregas acusaron as turcas de "tratar de usurpar" a súa soberanía no Mediterráneo oriental logo de a petroleira estatal Petróleos de Turquía (TPAO) solicitar un permiso para operacións de procura de cru na zona.

Comentarios