Turquía ve no atentado de Ankara unha xustificación para a ofensiva na Siria

O goberno de Tayyip Erdogan atribúe ao PKK e ás milicias de autodefensa curdas na Siria (YPG) o coche bomba que causou a morte de 28 persoas. As organizacións curdas négano. 

PKK-Kurdistan-Workers-Party-Patrol-Makhmour-Iraq-Guerrilla_Fighters_of_Kurdistan_Joey_L_Photographer_014
photo_camera Guerrilleiras do PKK no norte do Iraq [Imaxe Joey L.]

O 17 de febreiro un coche bomba localizado no distrito de Cankaya na capital turca causou a morte de 28 persoas e deixou feridas por volta de 61. O goberno de Tayyip Erdogan tardou poucas horas en acusar o PKK e as milicias de autodefensa curdas na Siria (YPG) de seren responsábeis do atentado, embora o negaren. 

Ningún grupo reivindicou o atentado de Ankara embora o goberno turco o atribuír ao PKK e a YPG

As acusacións de Erdogan e do primieiro ministro, Ahmet Davutoglu producíanse após semanas de bombardeos con artillería pesada sobre as posicións da YPG na provincia de Azoz, na fronteira sirio-turca e de meses de agresións contra a poboación curda no leste de Turquía, causando centenares de persoas mortas, moitas delas civís. 

Porén, este comportamento desde Ankara ten a ver co decorrer dos acontecementos sobre o terreo sirio. O avanzo das forzas gobernamentais apoiadas pola aviación rusa, e a recuperación de territorio por parte das milicias curdas, non gusta en Ankara pois ven perigar as posiciós dos grupos rebeldes --contrarios ao goberno de Bashar Al-Assad-- e ollan con temor o afianzamento de territorios curdos libres. 

Ankara e Riad

Neste contexto Turquía e Arabia Saudí amosaron a súa vontade de iniciar unha ocupación terrestre do territorio e mesmo iniciaron a mobilización de efectivos militares que se estarían a concentrar na base militar turca de Incirlik. 

"Endexamais permitiremos a formación dun novo Kandil na nosa fronteira", dixo o xefe de estado turco, Tayyip Erdogan

"Endexamais permitiremos a formación dun novo Kandil na nosa fronteira", dixo o xefe de estado turco, Tayyip Erdogan en referencia aos montes do Curdistán iraquí nos que o PKK desenvolve a súa actividade e contra os que Turquía ten despregado fortes ataques con bombardeos. "Se é preciso podemos tomar na Siria as mesmas medidas que tomamos en Iraq e Qandil", acrecentou o primeiro ministro turco, Ahmet Davutoglu avanzando o que podería vir a partir de agora. 

E é que após o atentado de Ankara, que non foi reivindicado por ningún grupo, Turquía ameaza con "mudar" as "regras de xogo" coas que están a operar na Siria inseridos na denominada coligazón internacional dirixida polos EUA. "Hoxe as nosas regras de enfrentamento consisten simplemente en responder aos ataques contra o noso país, mais mañá, e se é preciso, esas regras poden mudar e ampliarse para poder cubrir todas as ameazas que haxa contra nós", dixo Erdogan. 

Neste senso, Turquía convocou o Consello de Seguridade das Nacións Unidas que nos últimos días reclamara o cesamento dos ataques turcos contra as milicias da YPG. Ankara promete "probas" que demostrarían a autoría curda do atentado. 

Comentarios