Turquía reinicia as prospeccións no Mediterráneo

O movemento chega despois do acordo asinado entre Exipto e Grecia onde estabelecen as Zonas Económicas Exclusivas de ambos os dous países.
EuropaPress_3236499_handout_15_july_2020_turkey_ankara_turkish_president_recep_tayyip_erdogan
photo_camera O presidente de Turquía, Recep Tayyip Erdogan (dpa)

As autoridades de Turquía volveron despregar na segunda feira o buque de prospección Oruc Reis no Mediterráneo oriental para a realización de actividades de exploración malia as disputas marítimas con Grecia.

"O noso buque alcanzou a zona de operacións tras saír de Antalya e realizará unha nova misión no Mediterráneo. 83 millóns de turcos apóiante, Oruc Reis", manifestou o ministro de Enerxía e Recursos Naturais do país, Fatih Donmez, segundo informacións da axencia Anatolia.

Neste sentido, especificou que as actividades de exploración de hidrocarburos por parte de Ankara no Mediterráneo e mar Negro continuarán "sen deterse" para alcanzar a "independencia enerxética turca".

O buque en cuestión está acompañado doutras dúas embarcacións auxiliares e estenderá a misión até o 23 de agosto.

Na sexta feira, o presidente de Turquía, Recep Tayyip Erdogan, anunciou a reanudación destas actividades pese ás disputas na zona. Para iso, defendeu que a reanudación se debe, en gran medida, ao incumprimento por parte de Atenas das promesas realizadas no marco do aumento da tensión entre ambos países.

"Detiveramos a perforación exploratoria, mais ímola reanudar. Asinamos un acordo con Libia e continuarémolo realizando con determinación", asegurou o Erdogan en relación co pacto alcanzado a finais de 2019 co Goberno de unidade de Libia recoñecido pola ONU.  Este traza as fronteiras marítimas de ambos os países, as Zonas Económicas Exclusivas, non moi lonxe da illa grega de Creta.

Antalya-Kastellorizo

O presidente turco xustificou así o seu cambio de parecer tras o acordo asinado entre Exipto e Grecia onde estabelecen as ZEE de ambos os dous países. "Non tiñamos moita confianza en Grecia e aínda así detivemos as actividades durante case catro semanas porque (Angela) Merkel nolo pediu. Agora Grecia faltou ás súas promesas", destacou.

A última escalada de tensión entre Turquía e Grecia ten que ver coa área que vai desde a costa da cidade turca de Antalya á da illa grega de Kastellorizo, coñecida como Meis en Turquía. O Goberno turco argumenta que a súa placa continental se debe medir segundo a zona continental e que a área ao sur da illa grega, a escasos quilómetros, cae polo tanto dentro da súa ZEE.

Grecia cre que as súas illas deben terse en conta para delimitar a súa placa continental, en liña coa Lei do Mar da ONU, arrogándose o dereito exclusivo da zona malia a proximidade da illa a Turquía, que non ratificou esa lei.

Comentarios