Turquía bombardea Siria por sexto día consecutivo e presiona a OTAN para que interveña

Após aprobar a intervención no Parlamento, o goberno turco continúa desenvolvendo operacións militares contra o territorio sirio. A OTAN asegura non ter intencións de intervir no conflito malia que representantes do executivo turco invocan de maneira tácita os mecanismos de defensa colectiva recollidos no Tratado do Atlántico Norte.
photo_camera Anders Fogh Rasmussen, secretario xeral da NATO

Seis días van dos primeiros bombardeos realizados polas forzas militares turcas contra obxectivos situados en territorio sirio, porén as informacións --contraditorias-- recollidas pola prensa internacional dificultan a localización dos ataques. Entrementres o xornal británico The Guardian sitúa a intervención turca na cidade de Aleppo, a canle de información Al Jazeera afirma que os bombardeos se terían producido na cidade fronteiriza de Tal al Abyad. O que si é certo --pois así o confirma o goberno turco, é que foron abatidas varias persoas.

As intervencións turcas iniciáronse o pasado 3 de outubro --antes mesmo de seren aprobadas polo Parlamento-- após unha xuntanza entre o ministro de Relacións Exteriores, Ahmet Davutoglu, o primeiro ministro, Recep Tayyip Erdogan, e o xefe das Forzas Armadas turcas. Segundo o comunicado feito público ao remate da reunión, as operacións militares viñan motivadas por un suposto ataque previo procedente do país veciño que o executivo turco atribuiría ao goberno de Bashar Al Assad, "non podemos deixar sen resposta esta provocación do réxime sirio", aseguraban desde Ancara apelando ao principio de lexítima defensa recoñecido polo dereito internacional. Porén, o goberno de Damasco negaba que o seu exército fose o responsábel dos morteiros lanzados contra o territorio turco e asegurou ter iniciada unha investigación ao respecto para esclarecer a procedencia dos ataques.

O vice-primeiro ministro turco afirmou que o seu goberno aplicaría "represalias" contra Siria

No entanto, o goberno turco, acudiu ao Parlamento no marco do artigo 92 da súa Constitución para solicitar deste unha autorización que permitise continuar cos ataques fóra do terreitorio turco en aras da "seguridade nacional" invocada polo vice-primeiro ministro turco, Besir Atalay. A moción presentada obtivo finalmente 320 votos favorábeis --fronte a 129 en contra-- permitindo ao executivo enviar tropas armadas a Siria e despregar operacións militares no país nun tempo non superior a un ano após a resolución.

A posíbel intervención da NATO
Turquía é membro da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) desde 1952, unha organización internacional para a defensa colectiva creada en 1949 ao abeiro do artigo 51 da Carta das Nacións Unidas. Segundo o seu Tratado constitutivo, calquera ameaza ou agresión a un dos seus estados membros, obrigaría aos demais a responder na súa defensa, polo que en máis dunha ocasión, desde Ancara apelaron de maneira tácita --mais sen nomear o artigo 5-- á defensa colectiva. "As disposicións da NATO son moi claras e determinan que todos os estados membros teñen a responsabilidade de responder cando un deles é agredido", aseveraba Bulent Arinç, vice-primeiro ministro turco.

Rasmussen: "A OTAN ten preparados todos os planos necesarios para protexer e defender Turquía se for preciso"

Neste sentido, @s analistas internacionais non descartan a posibilidade de que o incidente --que motivou o inicio das hostilidades desde Turquía-- non sexa usado para provocar un conflito armado entre os dous estados. Así as cousas, o secretario xeral da OTAN, Anders Fogh Rasmussen, mantivo cautela nas súas declaracións públicas nos primeiros días dos ataques, na procura de relaxar a tensión xerada na fronteira entre ambos os dous territorios.

"Unha intervención militar en Siria tería consecuencias imprevisíbeis", aseveraba Rasmussen malia ter afirmado esta terza feira que a OTAN tería preparados "todos os planos necesarios para protexer e defender Turquía se for preciso" aliás, asegurou que esperaba que os dous países atopasen por si propios a maneira de solucionar o conflito. Porén, lanzou unha mensaxe ao goberno de Ancara e asegurou que este podía confíar "na solidariedade da NATO". 

Comentarios