Turquía, a quen paga a UE para frear as persoas refuxiadas?

Ataques contra a liberdade de expresión, persecución, detención e asasinato do pobo curdo marcan o goberno de Tayyip Erdogan. 

Consello Europeo
photo_camera Angela Merkel, Alexis Tsipras, François Hollande e o primeiro ministro turco, Ahmet Davutoglu [Imaxe Consello Europeo]

O mesmo día en que a UE asinaba o acordo con Turquía sobre as persoas refuxiadas o primeiro ministro turco, Tayyip Erdogan acusaba a Unión de apoiar o terrorismo por permitir unha protesta curda en Bruxelas. 

"Unha vez máis diríxome aos países que prestan apoio a organizacións terroristas. Estades aleitando unha víbora no voso peito. Esa víbora pódevos trabar en calquera momento", dixo Erdogan nun discurso pronunciado en Çanakkale segundo recolle a axencia EFE. 

Erdogan: "Os que están con nós na loita contra o terror son os nosos amigos, os que non os nosos inimigos"

O presidente turco acusou as persoas curdas concentradas en Bruxelas de seren "simpatizantes de quen fixo detonar unha bomba en Ankara [o pasado domingo]", seguindo coa súa estratexia de sinalar como "terrorista" a todas aquelas que defendan os dereitos políticos do pobo curdo. "Os países de Europa son descoidados, é coma se bailasen sobre un campo de minas. Vostedes non poden saber cando van pisar unha mina", acrecentou. 

Ankara mantén a súa guerra aberta contra o Partido dos Traballadores do Curdistán (PKK) --considerado organización terrorista tamén pola UE-- e todo o movemento curdo organizado. Nesa suposta "loita contra o terrorismo" o goberno turco iniciou unha persecución dirixida contra todas aquelas persoas obxecto do que Erdogan tildou de "redefinición do terrorismo". Isto é, "os que están con nós na loita contra o terror son os nosos amigos, os que non os nosos inimigos", sintetizou Erdogan. 

Terrorista

Nesa re-conceptualización o executivo propón modificar a lexislación para que profesionais do xornalismo, da avogacía, integrantes de ONGs... poidan pasar a ser considerados terroristas polo simple feito de levaren no peto un convite á festividade do ano novo curdo (Newroz) organizado polo HDP, o partido procurdo turco con representación parlamentar. É o caso de Chris Stephenson, británico e profesor da Universidade de Bilgi en Estambul durante 17 anos que, após un rexistro policial e portando o devandito convite, foi acusado de "realizar propaganda terrorista" e obrigado, por vía administrativa, a abandonar o país. É dicir, foi deportado. 

Turquía deportou o profesor británico Chris Stephenson en febreiro por levar no peto un convite aos festexos Newroz organizados polo HDP

"Non só a persoa que apreta o gatillo senón tamén os que o fixeron posíbel deberían ser definidos como terroristas", defendeu o presidente turco no mes de febreiro. Un mes antes, detiñan e encarceraban académicos turcos por asinaren unha declaración, apoiada por máis de 2000 persoas, na que exixían o cesamento dos toques de queda no leste de Turquía durante a ofensiva lanzada desde Ankara contra a poboación curda que mora no país e na que foron asasinadas centos de persoas. 

Todo perante a impasividade da UE que financiará con 3 mil millóns de euros o réxime de Tayyip Erdogan co obxectivo de que este free a entrada a territorio comunitario de persoas refuxiadas e acelerará o seu proceso de adhesión coa abertura dun novo capítulo de negociacións. 

Agresións á imprensa

E non só. A comezos do mes de marzo o goberno de Ankara ordenou a ocupación policial do xornal Zaman, destituíndo o seu director e nomeando no seu lugar un funcionario pro-gobernamental. Medidas semellantes xa foran adoptadas previamente contra outros rotativos. Entre eles o Cumhuriyet cuxos xornalistas, Can Dundar (director) e Erdem Gul, foron encarcerados por ter publicado informacións nas que apuntaban a venda de armas por parte de Turquía ás milicias islamistas sirias. O propio Tribunal Constitucional turco declarou ilegal o seu arrestro e contrario ao dereito á liberdade e á información. A Fiscalía, pola súa banda, pide "cadea perpetua" por un presunto delito de "espionaxe" para eles. 

Aliás, foi fechada a cadea de televisión procurda IMC TV acusada de emitir "propaganda terrorista". 

Comentarios