As forzas de seguridade turcas procederon nestas últimas horas á detención de 118 deputados do Partido Democrático do Pobo (HDP), formación da esquerda e pro-curda que é a terceira forza no Parlamento de Turquía. A axencia Anadolu informa que a metade das detencións decorreron na provincia de Mersin, mentres que o resto se fixo en Ankara, Estambul, Adana e Manise. A acusación que se lle fai aos parlamentares é a de ter feito propagando a prol do PKK, o Partido dos Traballadores do Curdistán.
Entre as persoas detidas está a responsábel provincial do HDP en Estambul, ou o xefe provincial do partido en Ankara, Ibrahim Binici. Os axentes incautaron documentación, ordenadores... nun operativo que decorreu de forma simultánea en varias vilas e cidades.
Os arrestos realízanse horas despois do duplo atentado que na noite do sábado decorreu en Estambul e que deixou 41 persoas mortas, a maioría delas policías, e máis de 150 feridas, segundo o balanzo oficial. Os Falcóns da liberdade do Curdistán (TAK) reivindicou a acción. O ministro de Interior turco, Suleyman Soylu, anunciou ao se coñecer a reivindicación que habería “vinganza”.
Non é esta a primeira vez que Ankara aproveita atentados ou accións armadas para proceder a detencións de políticos curdos ou a prohibición e ilegalización de asociacións, medios de comunicación ou entidades deste pobo.