POR SEGUNDO DíA CONSECUTIVO

Turquía ataca posicións curdas en Siria

Por segundo día consecutivo, Turquía atacou zonas controladas polas milicias curdas ao norte de Alepo (Siria). Para o Goberno sirio, o bombardeo turco representa un apoio directo aos grupos insurxentes.

Erdogan, á esquerda, con Obama
photo_camera Erdogan, á esquerda, con Obama

Após bombardear os territorios controlados polo pobo curdo no norte de Alepo, Turquía lanzou un novo ataque contra a zona este domingo.

En resposta a estas ofensivas, o Goberno sirio envioulles unha carta ás Nacións Unidas para informalas da situación. E é que as autoridades sirias consideran que estes ataques do Exército turco representan un apoio directo aos grupos insurxentes. Nesta liña, o Estado sirio esixiulle ao Consello de Seguridade da ONU que poña fin aos crimes de Turquía no seu territorio.

Ademais, Turquía tamén respondeu a disparos de tropas de Damasco contra un posto militar turco no territorio de Hatay. Unhas horas antes, a artillaría turca atacaba as zonas da provincia de Alepo controladas polas forzas curdas.

Segundo destacan analistas internacionais, Turquía é un dos principais obstáculos no proceso de paz sirio, tanto no eido político como no militar, polos seus ataques contra o pobo curdo, que colaboran con Siria na loita contra os grupos terroristas.

Comentarios