Sit and talk volveron ser as palabras de orde

Un 'tsunami democràtic' inunda o Barça-Madrid

“Dereitos, liberdade e autodeterminación” foron as esixencias da maré humana que hoxe anegou o interior do Camp Nou e as rúas que rodean o estadio, nunha Barcelona policialmente blindada. 
Protesto de Tsunami no Camp Nou (Nació Digital)
photo_camera Protesto de Tsunami no Camp Nou (Nació Digital)

Aos reloxos marcaren as 16 horas fóronse achegando milleiros de manifestantes aos arredores do Camp Nou de Barcelona para participaren da convocatoria de Tsunami Democràtic co obxectivo de esixir diálogo ao Estado para solucionar o conflito político en Catalunya, cadrando co partido da Liga que ás 20 horas enfrontou o FC Barcelona e o Real Madrid. De feito, o lema empregado foi Spain sit and talk (España, senta e fala), mesma mensaxe que tamén protagonizou as accións mobilizadoras que Tsunami convocou en Catalunya durante o mes de outubro, após coñecerse a sentenza punitiva do procès. Foi aí cando esta plataforma social autodeterminista saltou á palestra pública. Dereitos, liberdade e autodeterminación, tamén foron as palabras de orde baixo as que se produciron as mobilizacións no Camp Nou.

O protesto convocouse baixo o obxectivo de visibilizar no interior e nos exteriores do Camp Nou a situación política en Catalunya, aproveitando un dos acontecementos deportivos máis seguidos no mundo. Con todo, e ante a previsión dunha asistencia masiva, Tsunami lembrou a través das redes que se tornaba “imprescindíbel” que o partido se puidese xogar para que as reivindicacións tivesen éxito, e chamou á participación non violenta. Nas portas do estadio repartíronse milleiros de cartolinas co lema Spain sit and talk que, unha vez iniciado o encontro, se ergueron pola afección ao longo das gradas. 

Ao redor do perímetro do Camp Nou, unha trintena de persoas portaron bolas inchábeis negras que reproducían balas de foam da policía catalá a tamaño xigante para denunciar os proxectís empregados nas últimas mobilización en Catalunya contra as manifestantes. De feito, tamén se portaron carteis con ollos rotulados, lembrando as lesións oculares que as balas produciron en manifestantes. 

O dispositivo policial blindou o Camp Nou 

Até un total de 1.000 Mossos d'Esquadra e 2.000 efectivos de seguridade privada do FC Barcelona blindaron as inmediacións do estadio desde o inicio do día desta cuarta feira. Tamén se despregou a Garda Urbana de Barcelona e o Ministerio do Interior desprazou antidisturbios da Policía Nacional e a Garda Civil.

Os exhaustivos rexistros que realizaron axentes de seguridade nos accesos ao estadio provocaron numerosas colas e agardas. Así mesmo, desde as redes sociais da organización convocante denunciouse o feito de que axentes de seguridade requisasen as cartolinas de Tsunami ás persoas que entraban e mesmo numerosos asistentes tiveron que abrir os seus bocadillos e ensinar o contido para poderen entrar.

Vivíronse momentos de tensión cando unha trintena de persoas do colectivo ultra Boixos Nois agrediron a golpes manifestantes independentistas nas portas do Camp Nou.
Minutos antes de comezar o partido, as e os congregados ao redor do estadio de fútbol desprazáronse seguindo as indicacións de Tsunami para poder ver o encontro Barça-Madrid desde unha praza próxima ao campo onde se instalou un proxector de grandes dimensións. 

Xusto antes do inicio e após soar himno do club blaugrana, as e os asistentes formaron, como é tradición, un mosaico na bancada que amosaba as cores da bandeira catalá, e foi entón cando o estadio se encheu das pancartas azuis de Tsunami. Nesas, dúas lonas grandes de cor amarela se estenderon coas proclamas de Spain, sit and Talk e Freedom (liberdade), mais foron retiradas aos poucos minutos. 

Boa parte da afección acompañou a acción con consignas a prol do dereito dos pobos a decidir, contra a represión sobre o movemento soberanista catalán e con de berros a prol da "independencia" e de "liberdade, presas políticas". 

O Tribunal europeo decide sobre Junqueras

Está previsto que o Tribunal de Xustiza da Unión Europa decida esta quinta feira, 19 de decembro, se o líder de Esquerra, Oriol Junqueras, tiña condición de eurodeputado e inmunidade desde os comicios europeos e se o Tribunal Supremo que o condenou coa sentenza do procès tería a obriga de telo liberalo para que puidese acatar a Carta Magna e exercer a súa condición de eurodeputado. Así, o TXUE ratificará ou non a posición que a comezos de novembro adoptou o avogado xeral do Tribunal europeo, quen considerou que Junqueras debera ser recoñecido como eurodeputado desde o momento en que se proclamaron os resultados. O Parlamento non aceptou o seu escano ao non entregar a acta expedida polo Estado español, a cal non puido recoller ao non se lle permitir a saída do cárcere. 

Comentarios