Tsipras tenta convencer o Eurogrupo e ao tempo enfronta críticas desde a súa ala esquerda

O Goberno Syriza está atrapado entre dous lumes: o externo e o interno. O externo é a batalla para conseguir que a UE dea luz verde aos compromisos que asumiría Atenas para obter a prórroga de 4 meses do segundo rescate. O interno, o amago de rebelión da ala esquerda do partido.

tsipras

Ten difícil Tsipras vender en Grecia que a pasada sexta feira saíu vitorioso da reunión do Eurogrupo -cando conseguiu a prórroga do rescate por espazo de 4  meses, condicionada a que a UE aprobe unha listaxe de compromisos que iría presentar Atenas- desde o momento en que voces prominentes do seu propio partido critican o acordo, por o considerar unha claudicación.

Este domingo, fontes do Goberno heleno filtraron a France Press e á axencia española Efe parte dos conteúdos da oferta de reformas á que se compromete Atenas para conseguir financiamento por espazo de 4 meses.

Segundo Efe, hai un documento de tres páxinas moi vago en que o Goberno de coligazón formado por Syriza e Gregos Independentes se forma como principal propósito a loita contra a fraude fiscal e a corrupción, vías para obter recursos financeiros sen recorrer ao financiamento externo.

Grecia non arría a bandeira en materias sensíbeis para Syriza como as pensións e o IVE: Atenas non ten intención de reducir aquelas nen de subir este. En troca, si que asume que o compromiso eleitoral de incrementar o salario mínimo terá de realizarse "progresivamente".

 "Cambiar o nome Troika polo de "institucións", o de "memorando" [resgate] por "acordo" e o de "prestamistas" por "socios" non muda nada"

Porén, o que é obxectivo é que Grecia finalmente si demandou a continuidade do rescate, contra o dito na campaña eleitoral por Tsipras, o que envolve que dun xeito ou doutro se verá obrigado a introducir recortes. Aliás, calquera alteración sobre o termos do rescate pactados no seu día polo goberno heleno anterior de Nova Democracia terán de ser supervisados polas "institucións", o eufemismo co que na nova xíria da UE pasa agora a denominarse a Troika, isto é, o BCE, a Comisión Europea e o Fondo Monetario Internacional.

As concesións de Grecia ao Eurogrupo teñen provocado non poucas ronchas na ala esquerda de Syriza e até no propio goberno. Destarte, quen pasa por ser a figura máis sobranceira dese sector na coligazón que lidera Tsipras, o ministro Lafazanis, declarou que "non podemos permitir que se castigue a vontade popular e o programa eleitoral; a Troika e os rescates son xa pasado e non hai que reconstruílos".

Nunha liña aínda máis crítica, unha lenda da esquerda antifascista grega, Manolis Glezos, escrebeu no seu blogue: "Cambiar o nome Troika polo de "institucións", o de "memorando" [resgate] por "acordo" e o de "prestamistas" por "socios" non muda nada". Glézos é un mito da esquerda helena. Aos seus 92 anos senta nun dos escanos de Syriza no Europarlamento. Aos 18 anos garantiu o seu oco na historia ao despendurar a bandeira nazi da Acrópole. Pois ben, Glezos desculpouse "ante os votantes de Syriza por ter participado nesta ilusión", dixo en alusión ao cambio de goberno no seu país.

Comentarios