Tsipras e Putin asinan un plan de acción conxunto ante o malestar da UE

O primeiro ministro grego defende a soberanía grega en Moscova na véspera dun novo cobro do FMI.

Alexis Sypras
photo_camera Alexis Tsipras [CC BY-SA Wikipedia]

Alexis Tsipras, reuniuse esta cuarta feira (8 de abril) co seu homólogo ruso, Vladimir Putin. A xuntanza, desenvolvida en Moscova, enmárcase nun contexto complexo tanto para Grecia como para Rusia en canto á súas relacións coa Unión Europea. 

As sancións impostas entre a UE e Rusia froito do conflito na Ucraína xunto coa tensión crecente entre o goberno de Syriza e os seus socios comunitarios a respeito da débeda marcaron un encontro do que se tiraron múltiples e diversas leituras. 

Desde os sectores europeístas ven no encontro entre Atenas e Moscova unha xogada psicolóxica en vésperas do pagamento de 450 millóns de euros ao Fondo Monetario Internacional (FMI). O achegamento de Tsipras cara á Putin afonda nunha ferida aberta e posiciona a política exterior grega para alén da estratexia comunitaria. O propio presidente heleno lembraba a súa capacidade para desenvolver unha acción exterior "multifacética". "Grecia é un país soberano" defendeu Tsipras en comparecencia de imprensa. 

Plan de acción conxunto

A inquedanza paira nas principais capitais europeas, nomeadamente en Berlín, que olla con incertidume unha hipotética axuda financeira de Moscova a Grecia. Porén, o propio presidente ruso esclareceu en resposta aos medios de comunicación que o mandatario heleno non procurara na xuntanza axuda económica senón estreitar as relacións comerciais entre ambos os dous países en sectores como o agrícola, o enerxético e transportes. 

"Grecia podería tornarse nun dos principais centros europeos de distribución de enerxía", sinalou Putin após emprazar Tsipras a conectar Grecia ao gaseoduto ruso-turco que proxectan construír no Mar Negro. No encontro, ambos os dous xefes de goberno asinaron un Plan de acción conxunto (2015-2016) e que re-estabelecerá os intercambios comerciais e investimentos entre Rusia e Grecia. 

Comentarios