Tsipras promete no Europarlamento “reformas críbeis” para obter un terceiro rescate

O primeiro ministro chamou a acadar “un acordo produtivo e xusto” que evite “a ruptura das negociacións”. O importe dese novo rescate podería andar nos 50.000 millóns.

Tsipras Europarlamento

Alexis Tsipras compareceu no Parlamento europeo, onde chamou a traballar para atopar “un acordo produtivo” e “xusto” que evite unha “ruptura das negociacións”. Entre aplausos e apupus de deputad@s, o primeiro ministro heleno dixo que nos últimos 5 anos e medio Grecia convertérase “nun laboratorio de probas da austeridade que fracasou”.

Tsipras reclamou un acordo que deixe aos gregos “ver a luza ao final do túnel” e sinalou que a historia da Unión Europea está marcada “polos conflitos que terminan en entendemento”. Na súa intervención comprometeu “reformas críbeis” nos vindeiros días para que se lle conceda un terceiro rescate, mais pediu aos socios europeos un acordo “equilibrado”. “Temos un mandato claro e rotundo do pobo grego, non estamos para entrar en colisión con Europa, senón para cambiar as mentalidades e propostas que se cargaron a nosa economía”.

O primeiro ministro destacou que a situación “sen saída” da economía helena non é consecuencia dos 5 meses de goberno Syriza senón dos “5 anos de programa que condenaron á economía grega”.

Fontes da UE sinalaron que un novo acordo vai implicar para Atenas “asumir condicións máis duras” e, ademais, que o debate sobre unha quita quedaría adiado.

Comentarios