Tsipras saca adiante o acordo de rescate malia a oposición dun cuarto d@s deputad@s de Syriza

Nunha xornada de folga, mobilizacións e disturbios que deixaron 35 detidos, a Cámara helena deu luz verde ao acordo para un terceiro rescate.

Tsipras grecia
photo_camera Tsipras nun momento da sesión parlamentar.

Do ceo ao inferno en 10 días. De ser o primeiro ministro que gañou amplamente o referendo no que o pobo grego dixo 'OXI' (non) á Troika, reforzando a súa imaxe en amplos sectores como líder da esquerda 'non sistémica' do sur de Europa e referente para o combate contra a austeridade; a ser o primeiro ministro que subscribiu un duro acordo para un terceiro rescate que vai supoñer suor e bágoas para o pobo heleno. Na votación desta madrugada no Parlamento grego a tensión estaba dentro e fóra. 

Fóra, nunha folga xeral, manifestacións e confrontos e disturbios na emblemática Praza Syntagma que deixaron 35 persoas detidas. Dentro, nunha sesión que se prolongou durante horas e que finalizou coa aprobación do acordo grazas aos votos dos partidos sistémicos pro-UE (Nova Democracia e PASOk, ademais de To Potami) xunto cun cento de parlamentares de Syriza. Sumaron 229 votos fronte aos 64 contrarios ao acordo, entre os que había 32 de deputad@s de Syriza, entre eles o do ex-ministro Varoufakis; e 6 abstencións (tamén de parlamentares de Syriza). Até o deputado que non se presentou a votar era deste partido.

Polo non optaron o ministro de Enerxía e os ministros adxuntos de Seguridade Social, Defensa e Finanzas. A propia presidenta do Parlamento, de Syriza, Zoe Constantopoulou, optou polo 'OXI' após calificar o acordo de "xenocidio social". Medios gregos apontan a que nos vindeiros días podería darse unha remodelación de goberno, coa saída daqueles altos cargos que se opuxeron ao acordo.

"Non cremos no acordo mais estamos obrigados a aceptalo"

Alexis Tsipras sinalou que malia "nin crer no acordo" estaban "obrigados a aceptalo". Na intervención previa á votación, explicou que na negociación sobre a mesa había tres opcións: ou asinar o acordo, ou a quebra de Grecia ou a saída do euro. E escolleu, dixo, a menos mala. Unha explicacións que non convenceron á ala esquerda de Syriza, eses 40 deputados que quer votaron en contra do acordo, quer se abstiveron. Porén, portavoces deste sector garantiron o apoio ao executivo de Tsipras.

O primeiro ministro gañou no Parlamento a votación que perdera horas antes no seu partido, Syriza. Na xuntanza do comité central, 109 dos 201 integrantes deste órgano rexeitaron as condicións do acordo e pediron, sen éxito, a Tsipras que o retirara.

Alemaña

Esta sexta feira o parlamento alemán votará se dá o visto bo ao acordo acadado a segunda feira con Atenas. Medios xeramos falan de que hai un sector duro (entre 30 e 50 deputados) da CDU/CSU de Merkel que votarán en contra, en protesto por seguir axudando a un país que, consideran, non ten remedio. Son partidarios de expulsar Grecia do euro. Unha idea partillada polo propio ministro de Finanzas alemán, que volveu reiterar esta quinta feira, que a mellor solución sería que Grecia saíse do euro uns cantos anos.

Comentarios