Tsipras mantén o referendo e o voto "non"

Non hai volta atrás. Após a chanceler alemá non se mover do seu enroque -ningún acordo antes do referendo do 5X-, Alexis Tsipras comunicou á opinión pública grega que mantén a consulta e a petición de voto negativo. O Eurogrupo desta tarde parece condenado a ser un mero trámite.

Tsipras referendo
photo_camera Tsipras referendo

A inflexibilidade de Merkel apenas deixou marxe para o líder de Syriza, que nas últimas horas deixara entrever a súa disposición a negociar un acordo in extremis con Bruxelas. A intervención da chanceler no Parlamento alemán foi recibida como un xerro de auga fría en Atenas: ningunha hipótese de acordo antes de se realizar o referendo do 25X.

Tsipras voltou esta tarde a se pór diante das cámaras para se dirixir ás súas e aos seus compatriotas. A súa mensaxe foi nidia: haberá referendo e a posición do Goberno de Syriza-Gregos Independentes non mudou, é contraria ás propostas de Bruxelas. O dirixente esquerdista enfatizou que o non a Bruxelas non significa un non á permanencia na eurozona, embora Tsipras sexa moi consciente de que a oposición -Nova Democracia, PASOK- bombardean a opinión pública helena coa mensaxe de que un voto negativo equivale a saír do euro, discurso alimentado tamén polos dirixentes da UE, a comezar pola chanceler Merkel.

Frústrase así a hipótese dun acordo de última hora que puidese permitir a Tsipras ou ben desconvocar a consulta ou ben modificar a petición de voto, dun NON para un SI

Frústrase así a hipótese dun acordo de última hora que puidese permitir a Tsipras ou ben desconvocar a consulta ou ben modificar a petición de voto, dun NON para un SI. O líder esquerdista, desairado por Merkel, opta por manter a súa posición, entre outras cousas para blindar a unidade do seu partido e non provocar a desafección da súa ala máis esquerda.

As concesións que estaba disposto a realizar Tsipras -e que se contiñan nunha carta que encamiñou á Troika- eran de largo alcance -coa aceitación da lóxica dos retallamentos inherente a un novo resgate, que sería o terceiro. Mais a manobra non foi abondo para convencer a Berlín. Todo apunta a que Merkel o que quer é unha vitoria política e que, na súa perspectiva, a vitoria política sería a destrución política de Tsipras.

O duelo fica posposto para o 5 de xullo. Unha vitoria do SI abocaría o país a eleccións antecipadas, mais a situación é tan complexa que nen iso garantiría a derrota política de Tsipras, que mantén índices de popularidade moi altos face unha oposición de dereitas debilitada e con escasa credibilidade social.

Comentarios