BRUXELAS TERá QUE DECIDIR SE CONSUMA A SúA AMEAZA E EXPULSA GRECIA DO EURO

61,31% Non e 38,69% Si: Tsipras arrasa no referendo e trasládalle a presión á UE

Arrasou o Non no referendo grego. Un resultado impresionante, absolutamente inagardado polos inquéritos. Co 100% escrutado, o OXI/Non obtivo o 61,31% das papeletas, face o 38,69% do NAI/Si. Tsipras coróase como líder indiscutíbel da política grega e traslada a presión á UE, que agora terá que decidir se consuma a súa ameaza e, en consecuencia, expulsa Grecia do Euro. O referendo deixou unha primeira vítima política: o dereitista e pro-UE Samaras anunciou a súa demisión.

TSIPRAS
photo_camera TSIPRAS

Tal e como prognosticaban diferentes enquisas telefónicas que se publicaron unha vez fechadas as portas dos centros electorais (ás 18h hora galega), o OXI/NON vence aos recortes impostos polos acredores de Grecia -Comisión Europea, Banco Central Europeo e Fondo Monetario Internacional- nun referendo no que estaban postas todas as miradas. Fíxoo cunha ampla vitoria que lle dá un importante impulso ao Goberno de Alexis Tsipras, líder de Syriza, e que lle traslada a presión á Unión Europea. E é que, agora, Bruxelas terá que decidir se consuma a súa ameaza e expulsa a Grecia do Euro.

Co comezo do reconto das papeletas, nunha xornada electoral que transcorreu sen incidentes e na que estaban chamados a votar 11 millóns de gregos e gregas, xurdiron o baile de cifras e as noticias que apuntaban a unha lixeira vitoria do OXI/NON fronte ao NAI/SI. Agora, co 90% dos votos escrutados e segundo os datos oficiais o "non" gáñalle ao "si" cunha abrumadora vantaxe, xa que acada o 61,44% dos votos, fronte ao 38,56% das persoas que votaron a favor dos recortes da troika.

O FMI sitúa en 50.000 millóns de euros as necesidades de Grecia para os próximos tres anos

Con este resultado, o pobo grego, que fixo bandeira da soberanía, dálle as costas aos novos recortes impostos polos acredores do país. O FMI situaba en 50.000 millóns de euros as necesidades financeiras de Grecia para os vindeiros tres anos. Esta cantidade, segundo os expertos, imposibilita o pagamento da débeda, sobre todo, ao ter en conta que os acredores rexeitan unha quita. Os tesoirazos que implicarían a nova inxección de cartos por parte da troika empobrecerían aínda máis Grecia e suporían deteriorar aínda máis os servizos públicos do país, con medidas como a redución orzamentaria en educación, sanidade, nas pensións e nos salarios e co aumento de impostos.

O pobo grego vén sufrindo nos últimos cinco ano o brutal impacto dos recortes impostos pola troika. De feito, os anteriores rescates provocaron en Grecia unha situación dramática, onde o PIB descendeu máis dun 25%.

Milleiros de persoas celebran o resultado na praza Syntagma de Atenas

Unha vez coñecida a ampla vitoria do "OXI/NON", milleiros de persoas saíron ás rúas para o celebrar. Na praza Syntagma da capital grega coréanse consignas como "Troika OXI (troika non)" ou "O pobo unido xamais será vencido".

Primeiras reaccións: dimite Samarás

Logo de coñecer o resultado do referendo, o ex primeiro ministro grego, Antonio Samarás, anunciou a súa dimisión como líder do partido opositor Nueva Democracia, un anuncio que foi recibido con euforia polos milleiros de persoas que celebran o "OXI" na praza Syntagma.

Tsipras agradécelle o "OXI/NON" ao pobo grego

Pola súa banda, Alexis Tispras comparece arestora diante dos comunicacións para agradecer a participación e o voto ao "OXI/NON" do pobo grego. Sinala que as e os gregos contestaron de xeito correcto, demostrando que "un pobo cando ten fe e conciencia colectiva pode resistir". O primeiro ministro grego agoira que mañá Grecia vai entrar nunha mellor conversa de transacción económica. Ademais, Tsipras apunta que a prioridade do Goberno pasa agora por reinstaurar a estabilidade fiscal. Neste sentido, afirmou que Grecia asistirá mañá á mesa de negociación co fin de restaurar o sistema bancario.

Cumbre do euro para o martes

A cumbre de líderes europeos prevese para esta terza feira, despois de que Francia e Alemaña solicitaran a reunión despois do "NON" do plebiscito grego. Precisamente o vicechanceler alemán Sigmar Gabriel declarou despois de coñecer o resultado do referendo que ve "dificilmente imaxinábel" retomar as negociacións con Grecia sobre o rescate.

 

Comentarios