Tsipras forma un goberno sen mulleres e cun ministro marxista “disposto a salvar o capitalismo”

Tsipras exclúe as mulleres do seu primeiro goberno e si nomea un ministro de Finanzas que se di marxista, mais que confesa que desde o estourido da crise promove un “programa de actuación fundamentalmente burgués para salvar o capitalismo de si mesmo”.

tsipras

A estrela do primeiro Tsipras é indubidabelmente Yanis Varoufakis, un economista crítico que goza de grande prestixio académico e que se define como marxista. Aos seus 53 anos, Varoufakis, que ten a dupla nacionalidade grega e australiana, móvese nos meios audiovisuais como peixe na auga e ten publicado libros claramente críticos co nesgo neoliberal da globalización como O Minitauro Global.

Varoufakis sostén, como Syriza, que foi un erro a entrada de Grecia no euro, mais acredita tamén que ese erro é irreparábel, non ten volta atrás, e que hoxe para o seu país abandonar a eurozona produciría máis danos do que beneficios.

Nas súas primeiras declaracións como novo ministro de Finanzas, Varoufakis considerou que o programa de compra masiva de débeda pública por parte do BCE é unha medida que vai na boa dirección, se ben é un movimento insuficiente dada a entidade da crise. “A política monetaria non é suficiente”, declarou. Cre que debe ser acompañada de políticas expansivas do gasto público, destinadas a incentivar a demanda.

Varoufakis defínese como marxista e ten afirmado que un futuro “democrático, libertario e socialista é o único polo que merece a pena loitar”, mais ao mesmo tempo ten dito que desde que estourou a crise global en 2008 “comecei a escribir artigos e a irromper máis ou menos atrabiliariamente nos meios, quer do sistema quer alternativos, para promover un programa de actuación fundamentalmente burgués ¡para salvar o capitalismo de si propio!” (neste sentido pronunciouse durante a súa intervención no l 6ª Festival Subversivo, Kino Europa, Zagreb, o 14 de mayo de 2013.

Un goberno sen mulleres

Syriza forma o seu primeiro gabinete e faino desde presupostos abertamente patriarcais: Tsipras non nomeou para o seu goberno a ningunha muller. 

Este xesto non debe sorprender, tendo en conta que o forte de Syriza non son as políticas de estensión das liberdades cívicas: a formación de Tsipras decidiu en última instancia retirar do seu programa eleitoral o dereito das parellas homosexuais á adopción.

Aliás, Syriza partilla goberno cunha forza política -Independentes Gregos- de ideoloxía claramente conservadora e até integrista no plano relixioso. O líder desta excisión de Nova Democracia será o novo ministro de Defensa.

Comentarios