ATENAS ADMITE "PROBLEMAS DE LIQUIDEZ"

Tsipras defende ante Merkel o dereito de Grecia ás reparacións de guerra

Cimeira Tsipras-Merkel en Berlín e unha fenda dificilmente salvábel ábrese entre os dous líderes. O primeiro ministro grego defende as reparacións de guerra á que o seu país tería dereito pola ocupación nazi. Merkel considera que ese asunto xa está saldado.

Cimeira Merkel Tsipras
photo_camera Cimeira Merkel Tsipras

Xa non parece un caneo curto, senón unha xogada estratéxica de máis longo alcance. O líder de Syriza non desaproveitou a oportunidade que lle outorgou a comparecenia conxunta perante a imprensa coa chanceler Merkel, esta segunda feira 23 de marzo, para demandar a satisfacción das reparacións de guerra á que o seu país tería dereito por ter sido ocupado polos nazis durante a Segunda Guerra Mundial.

"Non é unha cuestión económica. É unha cuestión moral", dixo Tsipras face unha visibelmente irritada Angela Merkel.

A máxima dirixente da potencia europea hexemónica non deixou ningunha marxe a unha eventual negociación sobre este asunto con Atenas: "Do ponto de vista do Goberno alemán, o asunto das reparacións está politica e legalmente fechado".

O cálculo de Tsipras é basicamente político: apresentar o desastroso estado no que se acha Grecia como produto das políticas promovidas por Berlín. Aí ten moito sentido estabelecer un elo histórico coa ocupación nazi, que produciu unha enorme devastación material no país.

Mais, diferendos históricos á marxe, a grande cuestión a debate entre Atenas e Berlín continúa a ser o da xigantesca débeda contraída por Grecia (240.000 millóns de euros nos últimos 5 anos, unha parte considerábel da cal foi asinada por bancos alemáns).

O 15 de marzo, Tsipras advertiu a Merkel por carta que ou se desbloquea a axuda financeira ou Atenas será insolvente para pagar as débedas

Nese asunto, a fenda entre Tsipras e Merkel parece a día de hoxe imposíbel de preencher. "Os problemas de liquidez a medio prazo son ben coñecidos", dixo o primeiro ministro heleno. "Herdámolos". Fiel ao seu estilo, a chanceler alemá mostrou a súa hierática inflexibilidade: Berlín teima en que Atenas cumpra a palabra dada o 20 de febreiro cando se acordou a prórroga por espazo de 4 meses do segundo resgate.

A ese respeito, Tsipras continúa sendo moi pouco explícito a respeito dos compromisos que o seu goberno adquiriría a troca de maior financiamento por parte das "institucións", o nome co que agora se coñece a innomeábel Troika.

Este domingo, The Financial Times publicou que a mediados de marzo o primeiro ministro heleno dirixiu unha carta a Berlín en ton practicamente de SOS. En esencia, Grecia advirte que ou a UE desbloquea xa a axuda financeira ou non terá liquidez para pagar as débedas.

Por suposto, ninguén en Berlín desbota que isto acabe coa saída de Grecia da zona euro.

Comentarios