Tsipras asume a "total responsabilidade política" polos incendios

Non se agacha o líder de Syriza nun momento que definiu como "o pior desde que estamos no goberno". "Quero asumir total responsabilidade política pola traxedia", dixo esta sexta feira ao comezo do consello de ministros. O pavoroso lume da noite do pasado 23 de xullo saldouse con no mínimo 87 mortos. O balanzo de vítimas aínda está por fechar.

incendios
photo_camera Medios aéreos a combater as lapas

Tsipras convocou unha reunión de urxencia do seu gabinete e no transcurso da reunión do executivo admitiu que estivo a matinar se o seu goberno puido ter feito algo máis para evitar que a factura dos incendios en termos de vidas humanas fose tan elevada.

"Este é un momento difícil, talvez o máis duro desde que estamos no goberno. Os mortos non poden falar, mais no mínimo que podemos facer na súa memoria é mostrarmos respecto pola verdade", dixo Tsipras, quen atravesa un mal momento político con Syriza por debaixo de Nova Democracia (partido da dereita grega) nos inquéritos.

Os incendios concentráronse en Mati, unha zona de praia a 25 quilómetros de Atenas e atinxiron apenas 1.300 hectáreas. Suficiente para se cobrar case 90 vítimas mortais. A razón é a falta de control urbanístico no territorio, con casas construídas no meio dun piñeiral. Vivendas sen licenza e edificadas con ausencia de plan xeral, tanto que nen sequer se planificou a construción de rúas ou viais con acceso ao mar. Foi unha auténtica trampa mortal para a populación. 49 por cento das casas ardidas ficaron na prática destruídas.

O goberno grego é consciente de que debe tomar medidas radicais que vaian na dirección de planificar o territorio. Estamos a falar dun país en que a maior parte da terra non está rexistrada no cadastro e onde os intereses especulativos sempre prevaleceron sobre a racionalidade urbanística, a protección da vida humana e o coidado do meio ambiente.

Perante a dimensión da traxedia, Tsipras confesou ter tido "unha mestura de dor, devastación e angustia... angustia sobre se actuamos como deberíamos ter actuado, se respondimos correctamente nas horas cruciais e sobre se puidésemos ter feito algo máis para salvar algunha das almas que morreron inxustamente".

Opta por asumir críticas o dirixente esquerdista, após algúns membros do seu gabinete ter tentado desviar a responsabilidade a outros axentes (a quen provocou os lumes), e nese sentido Tsipras endureceu o ton a dicir que algúns dos integrantes do seu goberno —por un instinto de "auto-protección"— "puxeron demasiadas escusas para aminorar a súa propia responsabilidade".

Comentarios