Tsipras agoira "unha ruptura desastrosa recíproca" se a UE recusa negociar con Atenas

Primeira reunión do goberno de coligazón grego e primeiro titular: o gabinete Tsipras paralisa o proceso de privatizacións posto en marcha por Samaras.

tsipras

Consciente das dificultades que ten por diante, o primeiro goberno anti-austeridade formado na UE resolveu adoptar xa na súa reunión constitutiva algunha das medidas estrela anunciadas por Tsipras durante a campaña eleitoral que o levou a ser eleito primeiro ministro.

Destarte, o goberno grego formado por Syriza en coligazón con Gregos Independentes -a excisión de Nova Democracia contraria ao Memorando da UE- aprobou pór en marcha a lei que permitirá a restitución do salario mínimo, que voltará a ser de 751 euros após ser retallado no seu día polo goberno Samaras por exixencias de Bruxelas (até o situar nos 580 actualmente en vigor).

Aliás, o novo goberno grego acordou paralisar as privatizacións en curso, entre outras a venda do 67% do porto de Pireu, ben como lle deu luz verde á distribución gartuita de enerxía ás familias en maiores dificuldades económicas, que tamén recibirán bolsas de alimentos.

"Somos un goberno de salvación nacional e o noso obxectivo é restabelecer a seguranza e a dignidade dos gregos", dixo Tsipras á imprensa.

O Goberno Syriza resitúa o salario mínimo nos 751 euros após o anterior goberno o colocar nos 580

A grande cuestión naturalmente é a negociación con Bruxelas. Tsipras está pola reestruturación da débeda (isto é, estender os prazos para o seu pagamento e obter xuros máis baratos). Está por ver que Bruxelas -e nomeadamente Berlín- aceite relaxar as condicións dos créditos. Nese sentido, o vicepresidente da Comisión europea, o finés Jyrki Katainen, afirmou hoxe que Bruxelas está disposto a abrir conversas con Atenas, mas ao tempo advertiu que a maioría das voces nos órgaos de goberno da UE son partidarias de que Grecia cumpra os compromisos pactados, isto é, que Syriza se ateña aos acordos asinados no seu día por Nova Democracia.

A esta reluctancia de Bruxelas a negociar referiuse con certa dureza Tsipras. Dixo que a negativa da UE a negociar con Atenas podería conducir "a unha ruptura desastrosa recíproca". O seu goberno, esclareceu aínda o primeiro ministro grego, ten vontade de negociación, mais non de "continuar a política de submisión" de executivos anteriores.

Comentarios