Trump retira Estados Unidos do Acordo do Clima de París: “É un mal negocio”

O presidente estadounidense di que quer renegocialo para que "sexa xusto" para os EUA. Nun comunicado conxunto, Alemaña, Francia e Italia xa lle responderon que o pacto non é negociábel.

Donald Trump EUA
photo_camera Donald Trump

“Era un mal negocio para os traballadores americanos e moi inxusto para os Estados Unidos”. Así argumentou Donald Trump a decisión de retirar EUA do Acordo do Clima de París, un pacto subscrito por 195 estados para combater o cambio climático e o quencemento global mediante a redución de emisións de gas de efecto invernadoiro. Entrou en vigor o 4 de novembro do ano pasado.

“A partir de hoxe os EUA van cesar a aplicación de todos os termos do acordo”, dixo o presidente estadounidense, para explicar a seguir que “saímos, mais imos iniciar negociacións para facer un negocio que sexa xusto para os Estados Unidos. Se o logramos, ben. Se non, tamén”.

Un comunicado conxunto de Alemaña, Francia e Italia respondeu xa a Trump: O acordo non pode ser renegociado. “É irreversíbel, non pode ser negociado pois é un instrumento vital para o noso planeta, sociedades e economías”

Estados Unidos é responsábel de 15% das emisións globais e son o segundo maior fornecedor no mundo (após China, que representa 25%) do quencemento global. Porén, Trump refírese ao cambio climático como “un mito” e na campaña electoral referiuse ao Acordo de París como un proxecto de “activistas globais” que prexudicaba a riqueza e economía dos EUA. 

Comentarios